Aqueles que nos seguides dende hai máis tempo lembraredes como vos narramos vía Twitter, en directo dende SIMO Network, a presentación da Samsung Galaxy Tab. Para nós fora un gran fito, pois foi a nosa primeira narración in situ dun evento importante.
E malia que temos cacharreado moitas veces con ela, o certo é que nunca durante uns días seguidos para poder facer unha valoración máis exhaustiva, algo que fixo posíbel Samsung, a quen agradecemos a colaboración. Procedemos pois a contarvos as nosas impresións.
Para comezar, lembrarvos que se trata da primeira tablet Android (a primeira tablet decente), que chegou ao mercado con Android 2.2 (Froyo) e que na actualidade conta coa versión 2.3 (Gingerbread). Cunha pantalla de 7 polgadas e resolución de 1024×600 píxeles, a Galaxy Tab dispón dun procesador Cortex A8 a 1 GHz.
En canto ás cámaras, a traseira é de 3 megapíxeles e a dianteira de 1,3. Se ben é certo que para videochamadas é abondo a de 1,3, a traseira pode que quede algo xusta, inda que, sinceramente, a tablet non me parece o gadget máis cómodo para andar sacando fotos.
Unha interesante aplicación da Tab é usala de eBook, a min resultoume especialmente cómoda neste sentido polo seu tamaño, a calidade da pantalla (cun autoaxuste de brillo moi ben implementado) e a fluidez do “paso de páxina”, aínda que este último poida ser semellante en moitas outras aplicacións.
Samsung incorporou na Galaxy Tab un xestor de tarefas, ao que podemos engadirlle un widget de escritorio, que nos permite ver as aplicacións que temos abertas e cantos recursos se están a empregar, así como pechalos ao noso antollo.
Resumindo nunha listaxe de puntos a favor e en contra, poderíamos citar os que seguen:
Puntos a favor:
- Tamaño e peso: as 7 pulgadas dan para moito, o certo é que é un tamaño ideal para mobilidade (ir lendo o periódico, consultando o correo, vendo vídeos…).
- Función teléfono: pode parecer unha tontería, pero ter o teléfono integrado facilita moito as cousas ao estar buscando información por exemplo dun restaurante no que queremos reservar mesa.
- A batería otórgalle unha boa autonomía. Cun uso intensivo aguanta ben 1 día e 3/4.
Puntos en contra:
- O sistema operativo. Froyo/Gingerbread está pensado para teléfonos, non para tablets. Por iso as aplicacións non están optimizadas para un tamaño de pantalla tan grande (en comparación cun smartphone de 3-4 polgadas) e ben vense en grande, ben quedan reducidas e non fan uso de toda a pantalla.
- Ao abrir moitas aplicacións á vez (6 ou 7) nótase que lle costa algo e deixa de ir tan fluído.
Comercialízase en dúas versións dacordo á cantidade de almacenamento (16 GB ou 32 GB) e outras dáus dacordo á conectividade (só WiFi ou WiFi+3G). A elección dunha ou outra dependerá do uso que lle vaiamos a dar.