Mens sana in corpore sano, esta vai ser a recomendación do día. Porque está ben que vos recomendemos aplicacións para exercitar a mente pero tampouco está de máis que vos animemos a facer deporte, e para iso hoxe traemos Runkeeper, que é unha aplicación que permítenos facer un seguemento dos nosos adestramentos.
O primeiro que temos que facer, aínda que isto non é imprescindible para usar a aplicación, é rexistrarnos na web de Runkeeper se o que queremos é ter gardadas as nosas actividades para posteriores consultas.
A aplicación permítenos nunha primeira instancia configurar o tipo de actividade (correr, camiñar, ciclismo, etc), elixir o tipo de adestramento, se o tivésemos configurado, e xa está listo para comezar a recoller datos. Por outra banda, no apartado de actividades, teremos a lista de aquelas que tivesemos gardado para consultar os datos. E por último temos un apartado de configuración para elixir as unidades de medida ou incluso se quisexemos, poderemos facer que nos vaia dicindo o que levamos percorrido durante o adestramento no caso de levar cascos para escoitar.
Unha vez acabada a actividade temos a posibilidade de subir o adestramento a web e elixir quen pode ver os nosos progresos: todo o mundo, o Street Team (aqueles amigos que agreguemos) ou só nós. Xa na web, poderemos configurar rutas, comprobar os progresos semanais/mensuais ou incluso contratar adestramentos.
A parte destes métodos de compartir na web, tamén disporemos da posibilidade de compartir os nosos rexistros nas redes sociais de Twitter e Facebook de xeito que poidamos incitar aos nosos amigos a que se unan ao noso Street Team. Daquela, animádesvos a comezar co adestramento?
Runkeeper está dispoñible no Market de forma gratuita para android 2.0 ou superior.