Probamos a fondo o LG Black

Durante estes días estivemos a probar o LG Black, do cal xa vos falaramos algo cando asistimos á presentación oficial hai cousa dun mes. Por iso, agora estamos en condicións de falar máis a fondo sobre el e non baseándos simplemente nas especificacións, senón na usabilidade.

Para situarnos, estamos ante un terminal que cun procesador OMAP 3630 a 1 GHz, 2 GB de memoria interna e RAM de 512 MB. Conta con ranura para unha tarxeta microSD (inclúe unha de 2 GB e pódese poñerlle unha de até 32 GB).
Deseño e acabados
O deseño do LG Black caracterízase por ter unhas liñas bastante rectas. Cun tamaño de 122 x 64 x 9.2 mm e 109 gramos de peso, na parte frontal atopámonos a pantalla cos catro botóns táctiles típicos de Android. Na parte superior da frontal dispomos dos sensores de luminosidade e da cámara frontal.
Na arista superior sitúase a entada/saída de audio jack 3.5 e o conector microUSB (para carga e transferencia de datos), así como tamén o botón de acendido e apagado da pantalla. Persoalmente, non me acaba de convencer que a entrada de microUSB esté na parte superior do terminal, xa que se o temos que usar cando está a cargar resulta bastante incómodo.

Nun dos laterais atopámonos os botóns de subir e baixar volume e o botón G, ao cal adicaremos un apartado específico nesta análise, mentres que o outro lateral queda libre. Xa na parte traseira nos atopamos cámara co seu flash e un altofalante externo.

En canto aos acabados, a parte frontal está unificada, confundíndose pantalla e botóns ou cámara dianteira, mentres que a parte traseira é de plástico duro, que resulta máis cálido que os terminais que dispoñen dunha banda metálica.

Pantalla

Como podedes ver, este terminal non destaca sobre outros dispositivos Android que están no mercado agás por unha cousa, a súa pantalla. Como xa vos comentamos é unha pantalla tipo NOVA de 4 polgadas, que ofrece un brillo moito maior que outros terminais, concretamente de 700 nits.

En que se traduce isto? Pois en que poderemos ver perfectamente o que teñamos na pantalla en ambientes cunha luminosidade elevada. Estiven a facer probas en exteriores, cun Nexus One e o LG Black, con incidencia directa do sol e as diferencias son máis que notorias: mentres no Nexus apenas se podía ver a pantalla no Black perfectamente.

Batería

En canto á batería, non me pareceu que destacara sobre outros terminais que teño probado. Conta cunha capacidade de 1500 mAh que lle otorga unha autonomía que cun uso intensivo e empregando as redes móbiles acaba o día sen problemas. O consumo redúcese se se fai uso de redes WiFis, aínda que non atopei gran diferenza.
Botón G

O botón G é unha ferramenta moi útil que nos facilita realizar unha chea de operacións baseados en xestos: é dicir, pulsando o botón e facendo un movemento determinado poderemos reorganizar elementos, apagar a alarma, mudar de cancións, pausar a reprodución, aceptar/rematar/silenciar as chamadas, activar a cámara… étc.

Cámaras

Como xa vos contamos, o LG Black conta con dobre cámara. A frontal é de 2 MP, algo superior ao habitual, que adoitan estar arredor dos 1,6 MP. A traseira é de 5 MP con autofocus e flash e saca unhas fotos bastante boas.


Destaca ademais a gran cantidade de opcións das que dispón:

  • Enfoque: automático, macro, continuo, detección de cara, manual
  • Diferentes tamaños
  • Diferentes escenas: retrato, horizontal, deportes, solpores, nocturo
  • Diferentes ISO.
  • Diferentes balances de branco (automático, incandescente, soleado, fluorescente, nubrado)
  • Efectos de cor (sepia, B/N, negativo, vivo, sepia e negativo, azul, relieve..)
  • Temporizador, modos de disparo, revisión da foto étc.
Vexamos un par de exemplos de imaxes tomadas con el:
Imaxe con efectos (sepia + negativo)
Imaxe ao atardecer sen efectos. Apréciase gran nitidez
Software
O terminal saíu á venda con Android 2.2 (Froyo), mais actualizarase, ao igual que os outros dispositivos que saca este ano LG (o 2X e o 3D). Hai que ter en conta que LG é un dos socios preferentes de Google, que ten o compromiso de actualizar os terminais.

Usabilidade

En canto a usabilidade, estamos ante un terminal que na parte de personalización que integra LG inclúe algún aspecto que pode resultar moi cómodo:

  • Dende calquer lugar do menú ou da pantalla principal podemos acceder ás funcións teléfono, contactos, mensaxes ou aplicacións/inicio segundo estemos en inicio/aplicacións.
  • Desprazando a barra de notificacións cara abaixo podemos activar/desactivar o son, o WiFi, Bluetooth, GPS ou tráfico de datos.

  • No menú de aplicacións sepáranse as que veñen precargadas e as que instalamos nós.
  • Á hora de engadir novos widgets no escritoro facilita as cousas a aparición dunha cuadrícula que nos indica os espazos que temos.

Conclusións e agradecemento

En definitiva, podemos concluír que estamos ante un terminal de prestacións bastante avanzadas, aínda que non á altura da potencia do 2X ou do 3D. Se ben é certo, o punto forte é a pantalla, polo que sería un terminal a ter en conta por persoas que fagan uso do seu smartphone habitualmente en ambientes moi luminosos.
Xa para rematar quixéramos agradecer a LG o préstamo do terminal, sen o cal non sería posíbel levar a cabo esta análise

Sobre o autor

Reply