Máis detalles sobre Google+, a nova rede social de Google

Antonte emocionámonos ao descubrir Google+, a esperada rede social de Google. E é que despois de tantas especulacións, intentonas frustradas e todo iso, pois como que picaba aínda máis a curiosidade. Agora so resta que se comecen a repartir os convites Xa se están repartindo convites (de feito 2 de nós xa temos), pero parece que foi tal o aluvión de peticións que se frenou o envío. Mentres damos os primeiros pasos, imos descubrir máis detalles.

Configuracións
Falabamos que un apartado importante de Google+ é todo o que ten a ver coa privacidade, basicamente iso é o que chaman Circles. Ao facer grupos de amigos compartir contido con uns ou outros convértese nun xogo de nenos. Podemos ter – a priori – tantos Circles como queiramos, imaxinade un para a xente do traballo, outra para os amigos cos que vas de fin de semana, outro para a familia…
E claro está, a información do noso perfil tamén pode mudar para uns ou outros (imaxinade que queredes compartir o voso móbil só coa familia, por exemplo). Para facilitarnos as cousas, Google+ permítenos poñernos na pel doutros ususarios, por exemplo do teu compañeiro de traballo Cotilla Sabeotodo Contamáis e ver como ve el o noso perfil.
Para rematar con este apartado de configuración de privacidade, comentar que se nalgún momento queremos marchar da rede, borraranse todos os nosos datos, pero antes poderemos descargar toda a información que teñamos subido (por exemplo, todas as nosas fotos, liña temporal étc).
Sparks

Quizáis sexa unha das especificacións da rede que menos chaman a atención, pero que ten a súa parte de interese. Digamos que é como ter un buscador de actualidade dos temas que nos interesan sempre a man. Seleccionando os nosos intereses (por exemplo “ciclismo” ou “política”), poderemos acceder rapidamente a unha selección de novas, vídeos, entradas de blogue… relacionadas. Como buscar en Google, pero “xa buscado”.

Hangouts
Para min unha das mellores aplicacións da rede social, alén dos Circles. E é que Hangouts permítenos facer vídeochamadas dun grupo de amigos. Con este servizo amósasenos unha liña inferior con todas as imaxes en tempo real das webcams dos nosos amigos e nunha superior, en grande, a da persoa que está falando no momento, ou que fale máis alto (que pasará se todo o mundo anda a berros? xD)

Móbil
Dende a aplicación para Android, iPhone (en breve dispoñíbel) e tamén dende o acceso web, poderemos acceder a todos os servizos da rede social (o stream, Huddle (o servizo de mensaxería instantánea), as fotos, o perfil ou os nosos Circles.
Pero ademais ofrece outros servizos avanzados, como a posibilidade de ver o stream das cousas que están acontecendo preto de nós ou Instant Upload, que se encargará de subir automaticamente as nosas imaxes á rede social (podendo seleccionar se as compartimos directamente ou fican en espera de aprobalas). Vamos, que podemos esquecernos de ter que andar pendentes de subir as fotos ao ordenador… farase só (se o temos activado, obviamente).

Esperamos os vosos comentarios a esta nova rede de Google. Sabedes que podedes atoparnos tamén en Twitter, @mallandroid.

Sobre o autor

One Response

  1. Denís 30 Xuño, 2011 Responder

Reply