Nova versión de Google Maps, con navegación offline e Transit Navigation

Para moitas e moitos androides, Google Maps é con diferenza a aplicación favorita. E é que resulta ben cómodo non ter que preocuparse de ter que mirar os enderezos antes de saír da casa, ou buscar onde queda un establecemento ou lugar no momento no que o precisas.

Pois hoxe, Google Maps volveu actualizar, chegando xa á versión 5.7, que trae dúas grandes novidades: navegación offline e Transit Navigation.
Transit Navigation ofrécenos a posibilidade de, coñecendo a nosa ubicación, dicirnos cara onde nos temos que dirixir para coller o transporte urbano máis próximo no camiño cara o noso destino. Mais non só iso, avisaranos canto falta para que chegue dito medio de transporte, cando montar e, unha vez dentro, cando baixar (aínda que esteamos a facer outras cousas á vez, como ler o correo). Así seranos moito máis doado non perdernos ao andar polo mundo…
Por outra banda, esta nova versión tamén ofrece a posibilidade de baixar parte do mapa para poder consultalo offline. Isto resultaranos tremendamente útil por exemplo se viaxamos ao extranxeiro e temos desactivados os datos para non pagar excesivas cotas de roaming. Deste xeito, só con tan só ser precavidos e ter baixado o mapa antes de saír teremos os nosos problemas solucionados.

Para habilitar esta función debemos acudir a “Labs”, no menú de Axustes do noso terminal, e seleccionar “Descargar zona do mapa”. A partires diso, cando teñamos na nosa pantalla a zona que queremos baixar ao noso móbil, ao facer pulsación prolongada na pantalla sairanos a opción descargar.

Se a descarga desta actualización do Google Maps non se che iniciou, proba a mirar no Market se xa a tes pendente para descargar manual ou entra no Android Market e instálaa dende aí.

Sobre o autor

Reply