Levamos unha tempada na que vemos varios terminais Android con teclado qwerty na parte frontal, co estilo que no seu día fixo especial a Blackberry. A última incorporación a este saco vén da man de ZTE e chámase Tureis.
Trátase pois dun terminal pensado para xente que quere escribir axilmente, xa que co teclado físico conséguese mellor precisión que nos de pantalla. Polo demais, estamos ante un dispositivo de características medias.
A súa pantalla é capacitiva de 2,6 polgadas e no seu interior habita un procesador fabricado por Qualcomm a 800 MHz. Vén equipado con Froyo que, malia non ser a última versión, adáptase moi ben ás características técnicas do terminal.
Resumindo as súas características teríamos:
- Dimensións e peso: 112 x 63.2 x 11.6 mm e 130 gramos de peso.
- Procesador de 800 MHz.
- Pantalla de 2,6 polgadas.
- 256 MB de RAM, compatíbel con tarxetas microSD até 32 GB
- Cámara de 3,2 MP.
- Sistema operativo: Android 2.2 (Froyo)
En canto a prezos, estamos a falar dun terminal que rondará os 160 € e estará dispoñíbel ao longo do ano, seguramente a finais do verán ou comezos de outono. A vós que vos parece?