Parece que en termos xerais temos dous tamaños de tablets ‘estándar’: 7 e 10 polgadas, aínda que existan moitos outros como a Galaxy Tab 8,9.
HTC xa conta no mercado coa súa tablet HTC Flyer, un dispositivo de 7 polgadas que vén equipada con Gingerbread, que a priori non é o “Android das tablets”, pero que HTC se encargou de optimizar cunha capa do seu HTC Sense específica que dota á Flyer de características exclusivas.
Agora fíltranse as imaxes da nova creación da compañía, a HTC Puccini, unha tablet que quere competir no sector das 10,1 polgadas. Conta ademais cun procesador de 1,5 GHz e cámara de 8 megapíxeles. Do resto de características pouco se sabe, máis aló de que usará Honeycomb para poñer en funcionamento todo o seu potencial.
Sobre a súa dispoñibilidade, sábese que en breve aterrará nos Estados Unidos e que tardará algo máis en chegar a Europa, aínda que supomos que non moito.