Unha interesante “moda” que se está a levar a cabo por moitas cidades é o establecemento dun servizo público de préstamo de bicicletas. Se ben o máximo espoñente de como debera ser este servizo o atopamos en Barcelona co seu Bicing, en Galicia van xurdindo iniciativas semellantes en varias cidades (Santiago, Ferrol, A Coruña, Lugo, Vilagarcía de Arousa…).
Combici é o servizo da cidade de Santiago de Compostela, que funciona entre as 8 da mañá e as 10 da noite en verán e até as 8 da tarde en inverno. Conta até o de agora con estacións na Estación de Autobuses, no Multiusos Fontes do Sar, no Complexo Deportivo de Santa Isabel, en Área Central, no Campus Sur (campo de hockey), no Campos Norte (residencia universitaria), a Praza Rodrigo de Padróni, na Avenida de Xoán XXIII, na Praza de Vigo e proximamente en Pontepedriña.
Agora este servizo conta co valor engadido de que exista unha aplicación específica para saber en tempo real o estado das estacións de bicicletas. Así poderemos saber cantas bicis hai dispoñíbeis por exemplo en Área Central ou se hai ou non prazas libres para deixala, sen que nos levemos unha desagradábel sorpresa ao chegar aló.
A aplicación conta tamén cun mapa para poder situar as estacións en todo momento, algo que resulta interesante. Se ben é certo, botamos de menos a posibilidade de que nos sitúe no mapa a nós tamén para ter unha referencia do lonxe ou preto que estamos dela e se vamos na boa dirección.
Como sempre, podemos atopar esta aplicación para a súa descarga no Android Market. É gratuíta e está dispoñíbel para todas as versións de Android.
Para rematar, graciñas a Javier, que se puxo en contacto connosco para informarnos da existencia da aplicación. Vós tamén podedes facernos achegas a través do noso correo android@mallando.com