Probamos o Vodafone Smart, un Android de cartón prepago

Hoxe traémosvos a análise dun terminal moi especial, o Vodafone Smart, a aposta da operadora vermella por un terminal económico para que os usuarios de cartón prepago teñan a oportunidade de dispór dun smartphone básico dende o que acceder ao seu correo e redes sociais, mais tamén da meirande parte das aplicacións que se atopan no Android Market.
Está fabricado por Huawei en exclusiva para Vodafone, quen lle dá o nome completo: Vodafone 858 Smart.
Deseño
Que sexa un terminal barato non quere dicir que se descoiden nel aspectos como o deseño. Así, estamos ante un teléfono de liñas algo ovaladas, fabricado en plástico duro branco, que combina á perfección coa parte negra situada arredor da pantalla, onde se integran os botóns típicos de Android (táctiles).
Pero ademais, o pack vén acompañado de dúas carcasas traseiras intercambiábeis, unha morada e outra amarela, para poderlle dar un toque máis persoal.
En canto ao tamaño, estamos a falar dun dispositivo de 103,8 x 56,8 x 12,6 mm e 104 gramos de peso. Ten unha pantalla capacitiva de 2,8 polgadas, que se ben é algo pequena para os que estamos acostumados a facer un uso intenso dos smartphones, é abondo para as accións máis habituais.
Sistema operativo
O Vodafone Smart púxose á venda con Android 2.2 (Froyo) e non vai ser actualizado. Pensade que estamos a falar dun terminal cunhas características técnicas xustas e que pretende dar unha solución de conectividade a un público determinado, non estar “á última”. Malia todo, a elección desta versión de Android é algo moi positivo, pois como xa temos falado noutras análises trátase da versión que introduxo as posibilidades máis interesantes no que ten a ver coa manexabilidade dos terminais.
Conexións, controis, conectividade e outros extras
A memoria interna do Smart é de 130 MB, mais ampliábel até 32 GB extra a través de tarxetas microSD, cuxo lector está agochado detrás da batería. O pack de venda xa inclúe unha tarxeta de 2 GB para que poidamos comezar a empregar o terminal sen vernos afogados pola memoria dende o primeiro día.
Exteriormente conta con dous conectores, o do audio jack 3.5 (inclúe cascos/micro) e o microUSB para carga e transferencia de datos.
É compatíbel coas redes 2G/3G que temos en España, polo que podemos navegar con el usando as redes UMTS/HSDPA con taxas de transferencia de 3,6 Mbps/384 Kbps. Ademais, como calquera Android, dispón de conectividade WiFi para que nos poidamos conectar a través desta tecnoloxía onde quera que haxa unha rede dispoñíbel.
Tamén conta con Bluetooth, GPS, acelerómetro e radioFM.
Cámara
Conta cunha única cámara de fotos de 2 MP situada na parte posterior, sen flash, que nos permitirá tamén gravar vídeos con resolución VGA.
Batería
A batería é de 1200 mAh, que cun uso razonábel dura case 2 días, o cal é un factor bastante interesante.
Prezos
O Vodafone Smart está dispoñíbel en pack de tarxeta por 69 €, con navegación gratuíta en promoción até o 31 de agosto. Ademais, tamén se pode adquirir en contrato dende 0 €. Pódese achar máis información na web de Vodafone (de feito teñen unha promoción cun xogo no que regalan packs, por se queredes probar sorte).
Conclusións e agradecemento
Logo de testear o terminal durante algo máis dunha semana, estamos en condicións de facer un xuízo real sobre o mesmo. Estamos ante un terminal barato, moi cómodo en canto a manexabilidade e tamaño e cunha usabilidade decente, aínda que non debemos esperar que vaia todo o rápido e fluído que nos gustaría.
Consideramos que é unha boa alternativa para aquelas persoas que queiran comezar cun smartphone sen desenvolsar unha gran cantidade de cartos ou simplemente polo seu uso en cartón prepago, podendo elixir cando terlle datos contratados e cando non.
Tamén puidera ser interesante para xente que queira ter un “segundo smartphone” para andar un pouco máis de trote (ir á praia… étc).
Dende aquí queremos agradecer a Vodafone o préstamo deste terminal para poder facer unha análise real e non sobre características técnicas plasmadas nunha folla de especificacións técnicas.
Podedes comentarnos as vosas impresións nos comentarios ou a través do noso Twitter

Sobre o autor

2 Comments

  1. Xan Guindán 3 Agosto, 2011 Responder
  2. iago varela 3 Agosto, 2011 Responder

Reply