Archos 101 G9 e 80 G9, dúas novas tablets Android para despois do verán

Como sabedes os que nos ides seguindo día a día, cada vez son máis as tablets Android que hai no mercado e cada vez resulta máis difícil escoller unha ou outra para o noso uso.
Hoxe queremos falarvos de Archos, un fabricante francés que tamén está a preparar tablets dotados de Honeycomb e que verán a luz no mercado a partires de setembro. A priori o que máis chama a atención da súa folla de características é que, alén dos diferentes modelos dependendo do tamaño da súa pantalla tamén se poderán escoller tendo en conta o tipo de memoria. E é que Archos ofrece a posibilidade de ter tablets con disco duro ou memoria flash.
Vexamos algunhas características máis polo miúdo:
  • Procesador a 1,5 GHz dual-core OMAP4, fabricado por Texas Instruments, optimizado para ter un mellor rendemento.
  • Pantalla capacitiva, de 10.1 polgadas (101 G9) ou 8 polgadas (80 G9).
  • Memoria: 16 GB (ampliábel outros 32 GB coa microSD) se escollemos memoria flash ou 250 GB se escollemos disco duro.
  • Sistema operativo Android 3.1 Honeycomb (non se di nada, pero actualizábel a 3.2).
  • Conectividade: WiFi, GPS, USB, jack de audio. Non dispón de conectividade 3G integrada, se ben é certo que se porá á venda un pincho USB por 50 € que lle outorgará esa funcionalidade e se integra de tal xeito que non sobresae como unha punta da tablet, como se pode ver no vídeo anterior.
  • En canto a peso e grosor, dependerá do modelo que escollamos. Así, no caso das tablets de 8 polgadas con flash teremos 11.7 mm de grosor e 465 gramos fronte á versión con disco duro, que conta cun grosor de 14,7 mm e 599 gramos de peso. Na versión de 10,1 polgadas o grosor vai de 12,5  con memoria flash a 15,6 mm na de disco duro. En canto ao peso, pasaremos dos 649 gramos aos 755.
En canto a prezos e dispoñibilidade, como comentamos ao comezo desta entrada comezaremos a velos nas tendas en setembro. Pero se cadra o mellor de todo é o prezo, porque estímase que a versión de 8 polgadas rondará os 279 $ fronte aos 349 $ da versión de 10.1. En euros estaríamos a falar 195 ou 244 segundo modelo.

Sobre o autor

Reply