O teu reloxo tamén será Android

Es capaz de imaxinar todo o que podes facer con Android? Seguramente dentro dalgún tempo moitos reloxos levarán o noso sistema operativo móbil favorito e poderemos facer con el o que vimos hai moitos anos nalgunha peli “futurista”, sumándolle as redes sociais, of course.
O caso é que xa existe un proxecto de reloxo Android con data de saída: novembro do 2011. Chámase I’mWatch e malia que non é un aparello totalmente autónomo si que dará moito xogo.  Dicimos que non é autónomo porque en realidade vai conectado vía Bluetooth ao noso smartphone, que pode ser outro Android pero tamén Apple, Blackberry ou WindowsPhone.

Entre as súas características está a de posuír un procesador de 233 MHz e 64 MB de RAM. Conta ademais con 4 GB de almacenaxe interno, cuxa aplicación máis habitual será a de gardar música. A súa pantalla é de 1,54 polgadas e batería de 350 mAh.
A parte negativa é que vén con Android 1.6, unha versión un tanto antiga e que non conta con moitas das funcionalidades coas que estamos afeitos hoxe en día, así como tamén o seu prezo, 249 €, algo elevado se temos en conta que por pouco máis nos podemos facer cun smartphone.

Sobre o autor

Reply