Pano, a aplicación para os amantes das panorámicas

Aproveitando o verán soemos sacar moito partido da cámara dos nosos androides polo que non está de máis contar con aplicacións que nos ofrezan algo extra, como poden ser efectos especiais ou axuda para sacar mellores instantáneas.
Neste segundo grupo poderíamos incluír Pano, unha aplicación pensada para sacar panorámicas co noso móbil sen ter que empregar software e procesado posterior no computador, o que é de agradecer nestes momentos nos que estamos de relax.
Trátase dunha aplicación moi sinxela que conta cun botón para comezar a sacar fotos, algo que faremos manualmente. Sacada a primeira imaxe, poderemos seguir sacando novas fotos e ilas unindo coa anterior. Unha vez teñamos todas as imaxes coas que queramos facer a panorámica dámoslle ao botón de unión e xa se encarga ela soa de procesar a imaxe e gardala no noso albume de fotos. E como boa aplicación de imaxes, conta con botón de acceso directo para que podamos compartir nas nosas redes sociais ou por correo a foto que creamos.
Exemplo de panorámica feita con Pano (Ría de Ferrol, clic para ver + grande)
A aplicación custa 1,40 € e está dispoñíbel no Android Market para versións 2.1 e superiores. Se vos gustan este tipo de imaxes é unha aplicación must install.

Sobre o autor

Reply