Lanzado Google Wallet, aínda que polo de agora só en USA :(

Efectuar pagos xa é moito máis sinxelo, a lo menos nos Estados Unidos, onde Google vén de lanzar o seu novo método de pagamento, Google Wallet, que fará dos nosos androides uns elementos aínda máis interesantes e grazas ao cal poderemos esquecernos de cargar con tarxetas de crédito/débito físicas.
Polo de agora é unha funcionalidade limitada aos Nexus S que se comercializan coa operadora Sprint, aínda que podemos aventurar que non se ha tardar moito en extender a outros androides dotados de NFC.
Como temos explicado en Mallando na e-ira, a tecnoloxía NFC, que aínda está algo verde, ofrece grandes posibilidades e dende Google xa nos adiantaron cando lanzaron o Nexus S, que traballarían arreo para dotala de contido.
Volvendo ao tema de Google Wallet, o lanzamento deste servizo dá a coñecer a Google Pre Paid Card, unha tarxeta de crédito virtual de Google á que podemos ligar case calquera tarxeta (aínda que existe un acordo de traballo entre Google e Citi para facilitar as cousas aos clientes destas tarxetas).
Á hora de facer un pagamento tan só se debe achegar o móbil ao punto de lectura do chip NFC, aparecendo na pantalla o importe da transacción que poderemos autorizar marcando o noso PIN. Ademais, se a tenda onde mercamos ten algunha oferta lanzada (Google Offers) xa se nos aplicará directamente, sen ter que cargar con cupóns étc. Todo por facer as cousas sinxelas.
Non sei vós, pero eu xa teño ganas de probalo. Agardemos que non tarde moito en chegar a este lado do Atlántico…

Sobre o autor

Reply