Se non tíñades claro que Google+ é a rede social definitiva, é o momento: Google vén de presentar xugosas novidades que afectan tanto á versión web como á aplicación Android. Vexámolas máis polo miúdo.
Para comezar, por fin deixa de estar en fase beta privada de acceso con convite para estar aberta a todo o mundo. Así que ninguén se pode queixar xa nese sentido. Basta con abrir sesión coa conta de Google e cubrir uns poucos datos para facerse da rede social definitiva.
Do resto de novidades (máis de 100), cómpre distinguir entre as que afectan á versión web e as da aplicación. Nesta última destacan as seguintes:
- Hangouts (Quedadas) dende o móbil. Unha das principais funcionalidades de Google+, xunto aos círculos, xa está dispoñíbel tamén na aplicación móbil, dende onde poderemos falar en videochamadas de 2 a 10 persoas. Iso si, precisaremos que o noso terminal conte con cámara dianteira e sempre ten que iniciar a Quedada alguén dende o web.
- Huddle pasa a ser Messenger. O servizo de mensaxería instantánea, Huddle ou HolaHola, pasa a chamarse Messenger e inclúe outra novidade: a partires de agora, ademais de poder mandar texto tamén poderemos enviar fotos, como en Whatsapp.
- Posibilidade de mover a aplicación á tarxeta SD, algo que agradecerán os usuarios de terminais con memoria pequena, xa que aplicación ocupa uns cantos preciosos megas.
- Melloras nas mencións. Agora ao poñer ‘+’ xa se cita a alguén directamente, como na versión web.
- Máis doado facer +1 dende o timeline. Esta funcionalidade virá nunha actualización en poucos días.
- Posibilidade de mudar a foto de perfil. Agora poderemos mudar de foto de perfil dende calquera lugar. Que sacamos unha foto boa? Pois nada, cambiamos sen ter que agardar a chegar a casa 🙂
O resto de cambios na aplicación, que como sempre está dispoñíbel no Android Market, son menos importantes pero afectan a case todas as funcionalidades da mesma.
Doutra banda, a versión web tamén sufriu importantes melloras, case todas elas ligadas aos Hangouts: agora é posíbel compartir a pantalla ou ter unha pizarra virtual na que ir escribindo ou debuxando cousas. Así mesmo, tamén é posíbel sincronizar con Google Docs o que escribimos.
Outras novidades da versión web están nas buscas, que serán moito máis sinxelas, tanto para usuarios como para temas.
O certo é que estas novidades da rede social gústannos moito e cremos que van polo bo camiño. Ademais, temos que recoñecer que Google fixo moi ben en escoitar aos usuarios e facerse eco desas funcionalidades demandadas.
Longa vida a Google+!