Akash, unha tablet Android por 34 €

Lendo o título desta entrada seguro que pensades que nos trabucamos. Pois o certo é que non: estamos a falar da tablet máis barata do mercado, que vén da India e ten un prezo de 2250 rupias (34 €).
Este dispositivo é froito dun proxecto de achegamento das novas tecnoloxías a todo o mundo, pensado para as economías máis desfavorecidas. De feito, o Goberno da India subvenciona aos estudantes o 50% do custo, polo que poderán adquirir este dipositivo por 1125 rupias (17 €).
Indo á parte máis técnica estamos a falar dunha tablet de pantalla resistiva de  7 polgadas con resolución de 480×800 píxeles. O seu procesador é de 366 MHz e conta con 2 GB de memoria interna (ampliábel por microSD) e 256 MB de RAM. Dispón de conectividade WiFi e GPRS e conta con Froyo (Android 2.2) como sistema operativo.
Se ben é certo que non estamos a falar do último modelo de tablet, iniciativas como estas de levar a tecnoloxía a todos os recunchos do mundo parécennos certamente interesantes. Agardamos que sexa todo un éxito e que o proxecto vaia máis aló da India.

Sobre o autor

Reply