Galaxy Nexus, TODO sobre o novo terminal da saga Nexus

Desveladas todas as sorpresas: por fin puidemos verlle a “cara” ao Galaxy Nexus (nome definitivo despois de moitas especulacións sobre se sería Nexus Prime), o sucesor da saga Nexus que vén acompañado, como é habitual nesta liña de terminais, dunha nova versión de Android: 4.0 ou Ice Cream Sandwich (da cal falaremos en profundidade nunha entrada posterior).

O novo terminal de Google conta cunha pantalla de 4,65 polgadas e tecnoloxía SuperAMOLED HD, con 1280 x 720 píxeles de resolución. A súa relación de pantalla é de 16:9, o que o fai ideal para o consumo de multimedia (filmes, vídeos…).

A súa forma curva está inspirada, segundo contaron, nas magnolias. Google e Samsung coincidiron en afirmar que esta forma facilita o xeito no que se agarra o terminal, tanto ao suxeitalo para falar como ao gardalo no peto.

Indo a partes máis técnicas, o procesador que trae é un dobre núcleo TI OMAP 4460 Cortex A9 a 1,2 GHz. Dispón dos sensores habituais (acelerómetro, compás…) e un novidoso, o barómetro.

Co fin de apostar pola velocidade, comercialízase dende o primeiro momento en dúas versións: LTE (4G) e HSPA+ (3G), segundo o mercado. Ademais, tamén haberá dous modelos diferentes segundo teñan 16 ou 32 GB de memoria interna. A ROM é de 1 GB.

Conta con dobre cámara, de 5 MP a traseira e disparo en tempo real e 1,3 a frontal. Ademais inclúe melloras como o modo panorámico ou a posibilidade de personalizar as imaxes. Grava vídeos de 1080p a 30 fps. Malia que 5 MP poidan parecer poucos, o certo é que conta cunha óptica bastante boa. De feito amosaron unha serie de vídeos (timelapses) gravados co terminal e a calidade era extrema.

Do deseño pódese destacar que non conta con botóns físicos e si cun LED semioculto para notificacións. En canto ao tamaño, as súas dimensións son 135,5 x 67,94 x 8,94 e 135 gramos de peso. Por outra banda, a súa batería sitúase nos 1750 mAh, o que lle outorgará unha autonomía superior a outros dispositivos que temos hoxe no mercado.

Outro factor interesante é que tal e como se puido ver durante a presentación, sairán produtos para o Galaxy Nexus, como o dock que podemos ver na anterior fotografía.

Estará dispoñíbel en USA, Europa e Asia a comezos de novembro.

Que opinades deste novo terminal? Gústavos?

Sobre o autor

One Response

  1. Anonymous 19 Outubro, 2011 Responder

Reply