4.0. Esa é a nova versión de Android, Ice Cream Sandwich. Resumindo, poderíamos dicir que estamos ante a maior evolución de Android que teñamos visto, e non é para menos: os cambios son moi significativos, afectando tanto á funcionalidade como á interface. Pero vaiamos por partes.
Para comezar debemos dicir que a chegada de Ice Cream Sandwich trae da man unha nova tipografía, Roboto, máis clara, cun aspecto máis amigábel e que xa podemos disfrutar desde unha pantalla de desbloqueo renovada e que lembra en parte á de Honeycomb.
Ao desbloquear, chegamos ao escritorio, no que xa vemos o dock inferior con acceso ás nosas aplicacións ou funcións (configurábel) e os 3 botóns de Android (virtuais): atrás, casa e menú.
Pantalla de desbloqueo |
Escritorio principal |
Os widgets tamén se vén mellorados en canto o que temos visto nas versións de Android para smartphones, pasando a ser semellantes aos que coñecíamos de Honeycomb (a que era até o de agora a versión de Android para tablets).
Widgets |
O menú tamén sofre un redeseño, pasando a deslizarse lateralmente e incluíndo dúas seccións: aplicacións e widgets. Así será moito máis doado atopalas que se estiveran todas xuntas. Pequenos detalles que nos gustan.
Menú de apps e widgets |
Na xestión de aplicacións tamén se fai máis sinxela a forma de facer cartafoles de aplicacións e contactos: con tan só poñer unha aplicación riba doutra xa se crea o cartafol de aplicacións/contactos. Ademais, poderemos situar estes cartafoles no dock inferior para que tan só con poñerse enriba poidamos desplegar as nosas aplicacións favoritas ou contactos que teñamos organizados.
A multitarefa faise moito máis visual: as aplicacións en activo aparecerán nunha listaxe na que veremos o estado da aplicación (como se fose unha captura). Pechar un proceso é tan sinxelo como arrastrar a aplicación en cuestión cara a dereita.
Visión da multitarefa |
Algo semellante ocorre coas notificacións: ao despregar o menú de notificacións podemos ver que está mellorado, incluíndo imaxes de contacto, por exemplo. Pero ademais poderemos borrar só aquelas que non nos interesen co mesmo xesto anterior: arrastrar á dereita.
Notificacións |
Outra posibilidade que brinda ICS é a de desbloquear a pantalla de inicio por recoñecemento facial.
Recoñecemento facial |
Ice Cream Sandwich ofrece novas versións das aplicacións máis relevantes; así o navegador mellora notabelmente a xestión de pestanas e os marcadores, que se sincronizan coa nosa versión de escritorio de Chrome.
Novo navegador |
Tamén muda Gmail, con importantes novidades que o fan máis fluído e tamén moito máis vistoso e cómodo (melloras na visualización dos contactos á hora de escribir, na xestión do correo…). Inclúese tamén a posibilidade de consultar o correo dos últimos 30 días offline. As interfaces de usuario de Calendar, Google Plus e YouTube tamén melloran, destacando do Calendar a posibilidade de facer zoom facilmente.
Non menos importante é a inclusión de certas cuestións de xeito nativo, como a posibilidade de facer capturas de pantalla ou un contador de datos co que poderemos ver canto consume cada aplicación e poñer límites (algo que agradecerá quen teña unha tarifa con datos limitados).
Control de datos nativo |
Un cambio moi relevante atopámolo na cámara, que é instantánea. Ademais xa inclúe de xeito nativo varios filtros e a posibilidade de xogar con formas divertidas para darlle un toque persoal ás imaxes. Tamén permite facer panorámicas de xeito sinxelo grazas á función Panorama, que o fai sen ter que andar disparando: simplemente hai que pasar o móbil como se fose para gravar un vídeo.
Muda tamén o menú de compartir as imaxes, sendo moito máis fermoso e intuitivo.
E ligado coa cámara, a galería tamén muda, podendo elixir como queremos que se amosen as nosas fotos: por data, por localización, por xente que sae…
Entre as novidades tamén destaca a aparición dunha nova aplicación: People. Vén a ser unha axenda de contactos mellorada, xa que inclúe dunha banda toda a información de contacto e por outra as actualizacións en redes sociais. Esta interface mellorada tamén se disfruta á hora de facer unha chamada, como vemos nas seguintes capturas:
E xa por último, había que falar de NFC e que mellor que presentar Android Beam, un sistema co que tan só debemos achegar o teléfono a outro con NFC para pasarlle o que queiramos: unha ligazón a un artigo, a un mapa… e mesmo se un está xogando, e se achega ao outro lévao directamente ao Market para poder mercalo. Xenial, non?
No seguinte vídeo pódense apreciar moitas das cousas que falamos nesta entrada, en resumo Ice Cream Sandwich, que desde Mallando no Android consideramos un gran paso para o que debe ser Android: algo sinxelo, cómodo, útil e potente. E ICS cumpre todo ilo. Que opinades vós?