A cada Gingerbread lle chegará o seu Ice Cream Sandwich: toda a información sobre actualizacións

Seguramente moitas e moitos de vós preguntástedevos o seguinte: vale, guai, nova versión de Android. Pero que pasa co meu flamante smartphone que merquei hai un par de meses? Pois existe a vontade de actualizalo e se xa dispón de Gingerbread ten moitas papeletas para que lle toque.
Tradicionalmente Google espabila as actualizacións para os dispositivos da gama Nexus e logo o resto de fabricantes van sacando as súas para os seus terminais, pois até o de agora era habitual que lle implementasen unha capa propia do fabricante (Sense… étc).

Despois da presentación de Ice Cream Sandwich, e en vista das declaracións de Hugo Barra (Google), quédanos claro que os Nexus S van a recibir a actualización nun tempo razonábel. Iso si, non antes da saída comercial do Galaxy Nexus (non tería sentido desde un punto de vista de ventas).

Que pasa co resto de terminais?

Atendendo ás declaracións de Google, en principio “todos” os terminais que por hardware soportan Gingerbread tamén soportarían Ice Cream Sandwich, o cal non quere dicir que o vaian ter, posto que se se sabe que un determinado modelo non vai ir todo o ben que se espera del con Ice Cream Sandwich quedará nunha versión anterior.

Sorprende que non se teña falado nada do Nexus One até o de agora, pero sendo un dos terminais insignia de Google sería raro – e un grave erro – que non o actualizasen. Iso si, a súa ración de xeado chegaría despois da do Nexus S.

Pola súa banda, Samsung xa anunciou que o seu Galaxy S II (o terminal, até a data, referencia en Android) recibirá a súa ración de xeado a comezos do 2012. Nada se sabe, polo de agora, doutros modelos como o Galaxy S ou inferiores.

Motorola, como xa comentamos esta mañá na entrada sobre o Droid Razr, xa anunciou a actualización para este dispostivo. Aínda que non comentou nada do resto, podemos intuír que o Atrix, lanzado a comezos de ano e pertencente á gama alta, tamén se actualizará.

HTC non concretou a que terminais afectará a actualización de ICS, pero si que estaban mirando como adaptarse mantendo algo da interface Sense que incorpora o fabricante taiwanés.

Sony Ericsson informou de que actualizará a gama Xperia lanzada no 2011 á nova versión de Android, pero limitouse só a iso, sen adiantar ningún tipo de datas.

Outro fabricante que se apuntou a anunciar actualizacións foi Asus, que dixo estar traballando para a meterlle a nova versión ás súas tablets Transformer, así como tamén aos smartphones que saque.

Outros terminais como o Xiaomi Phone (do que xa falamos aquí) tamén se actualizará a Ice Cream Sandwich, convertíndose nunha alternativa barata para dispor dun terminal á última por menos de 300 € como nos comentou o noso amigo @marcopolocom.

Quen aínda non se pronunciou é LG. De todos os xeitos sorprende que esta compañía non teña xa actualizado a Gingerbread os seus terminais estrela (2X, Black, 3D) e non hai moito sacaron un comunicado no que comentaban que non podían dicir unha data para actualizar. Sorpréndennos estas declaracións, a non ser que estén a preparar a actualización directamente a ICS. Xóganse moito prestixio neste tema.

E polo de agora esta é toda a información da que dispomos en relación ás actualizacións. Agora toca ter paciencia e agardar a que vaia chegando para os nosos dispositivos. Como sempre, manterémosvos puntualmente informados destas cuestións.

Sobre o autor

Reply