Para aqueles aos que vos guste observar temas relacionados coa astronomía coma as constelacións, estrelas fugaces, eclipses e demáis, sabede que tamén podedes ver algúns dos numerosos satélites artificiais que pasan sobre nós varias veces ao día. É fácil ver a Estación Espacial Internacional (ISS) a simple vista o que ocorre é que hai que saber a hora de pasada, sabendo que as mellores horas para velos con maior facilidade é durante o amencer ou o solpor.

Para ter unha referencia da hora á que van pasar sobre nós temos dúas boas opcións:
A máis sinxela é por en Twitter a nosa ubicación ou coordeadas no perfil, seguir a conta de @tqwisst e rexistrarse na súa web. Deste xeito recibiremos unha mención coa hora de pasada cada día que teñamos a posibilidade de ver a ISS. A outra posibilidade é entrar en Heavens-Above e buscar a nosa ubicación e o satélite que queiramos ver.

E que pinta o noso android en todo isto? A resposta é que sabemos cando vai pasar pero non exactamente por onde. Aquí entra en xogo Satellite AR, que é unha aplicación que a modo de realidade aumentada amósanos a traxectoria dos satélites usando a cámara, o GPS e o compás do noso móbil.
Esta aplicación permítenos, ademáis de coñecer as traxectorias da ISS, tamén saber as traxectorias de outros satélites que estean a pasar sobre nós. No seguinte vídeo podemos ver o seu uso nunha tablet.
Satellite AR está dispoñible no Market de xeito gratuito para Android 2.1 ou superior.