Analizamos a fondo o Sony Ericsson Xperia Neo V

Estes días tivemos a oportunidade de probar un Sony Ericsson Xperia Neo V, un terminal que poderíamos catalogar na gama media-alta de Android.

Vexamos primeiramente este resumo de características en vídeo que vos preparamos para logo abordar o noso análise.

Como vede no vídeo, o Xperia Neo V conta cun deseño compacto e aristas redondeadas, que fai que se adapte moi ben á nosa man. Pesa 126 gramos, que non é moito, pero que ao comparalo cos últimos terminais de gamas máis altas que contan con pantallas maiores (este ten 3,7 polgadas) e son máis lixeiros pode producir certa sensación de peso.
Pantalla
A pantalla é de 3,7 polgadas e tecnoloxía Bravia, creada por Sony e que otorga maior nitidez ao reducir o ruído das imaxes. Ito en que o notamos? Pois sobre todo á hora de pasar fotografías ou reproducir vídeos. A súa resolución é de 480 x 854 píxeles e está preparada para resistir arañazos, como puideran ser os causados por algo tan habitual como levar o móbil no mesmo peto que as chaves.
Sistema operativo
Na actualidade conta con Gingerbread (2.3), pero a comezos do ano que vén está prevista a actualización do terminal a Ice Cream Sandwich, a versión máis novidosa de Android que inclúe varias melloras, como podedes ver nesta outra entrada que elaboramos co gallo da súa presentación.
Por riba de Gingerbread inclúese unha capa de personalización de Sony Ericsson que engade funcionalidades, como a posibilidade de crear cartafoles de aplicacións facilmente con tan só arrastrar unha riba da outra ou o método de “eliminación doada de aplicacións”, mais tamén vistosos widgets multimedia.
Almacenamento, conexións, controis, conectividade e outros extras.
O Xperia Neo V conta con 512 MB de memoria RAM e 1 GB de almacenamento interno, aínda que deles só 320 MB son de libre uso para o usuario. Para suplir ese déficit é compatíbel con tarxetas microSD de até 32 GB.
Polo demais dispón de conexión microUSB a través da que se carga e se poden transferir datos, aínda que situada na parte superior, un pequeno detalle que nos resulta algo incómodo se, por exemplo, queremos falar por teléfono e estamos cargando a batería.
Tamén na parte superior está o conector HDMI, que nos permite compartir imaxes e vídeos cun televisor en alta calidade. Ademais dispón de DLNA, o estándar para compartir contido multimedia entre varios dispositivos de xeito inarámbico.
Xa non comentamos nada do resto de conexións básicos en calquera dispositivo Android: WiFi, aGPS, Bluetooth ou conector jack de 3.5 mm.
Cámara
A cámara é un dos aspectos máis fortes deste terminal. Ten 5 MP e consigue unha calidade de imaxe realmente boa. Dispón de flash LED e zoom dixital de até 16 aumentos.
Exemplo de foto tomada co móbil en condicións adversas (Rinlo, Ribadeo, Lugo)
Conta con efectos de mellora en tempo real, como a redución de ollos vermellos, a detección de sorrisos (que dispara automaticamente ao sorrir), así como tamén diversos estabilizadores para contrarrestar os efectos de malos pulsos.
Ademais tamén ten implementada a forma de realizar imaxes panorámicas cun xesto tan sinxelo como facer un barrido continuado.
Exemplo de foto co método panorámico (Rinlo, Ribadeo, Lugo)
Dispón de cámara frontal, aínda que desta vez con tecnoloxía VGA e que dá unha calidade decente para videochamada (fixemos probas a través de Gtalk con vídeo obtendo bos resultados cun vídeo sen cortes), aínda que se sacamos fotos con ela nótase pouca calidade nas imaxes.
En canto ao vídeo, pódense realizar en alta definición (720p) e, se precisamos, podemos empregar o flash LED para aumentar a luz en ambientes escuros.
Batería
A batería é de 1500 mAh ou, para entendernos, cun uso medianamente intensivo (consulta de bastantes correos, actualizaciósn de redes sociais, algunha foto… ) pode chegar a día e medio; se sacamos moitas fotos (moitas ~ 70) mantendo o ritmo de uso no resto de funcionalidades nun nível semellante, acaba o día sen problemas. Vamos, que non é un aspecto a destacar nin positiva nin negativamente, xa que está na media para este tipo de smartphones
Conclusións e agradecemento
Despois de testear o Xperia Neo V durante uns días, podemos concluír que é un terminal que cumpre sobradamente as espectativas do usuario medio de smartphones. É un dispositivo que vai moi fluído e que aguanta un uso intensivo sen atorarse nin quentarse.

Ademais, aquelas persoas ás que lles gusta ter unha cámara a man para inmortalizar calquera momento atoparán nel un compañeiro ideal, cuns resultados bastante superiores a outros terminais de semellantes características, podendo sustituír en moitas ocasións á cámara compacta.

Ter o compromiso de Sony Ericsson de que actualizará a ICS este terminal é ademais outro punto a favor do mesmo. En definitiva, un dispositivo que desde Mallando no Android recomendamos.

Aproveitamos para agradecer a R, quen ten este terminal á venda desde o pasado luns, por ternos prestado un exemplar durante uns días para poder facer unha análise en profundidade para non ter que cinguirnos á especificacións sobre o papel.
E a vós que vos parece este terminal? Contádenolo aquí ou a través do noso Twitter.

Sobre o autor

6 Comments

  1. entakitos 11 Novembro, 2011 Responder
  2. Iago Varela Martínez 11 Novembro, 2011 Responder
  3. Iria 29 Novembro, 2011 Responder
  4. Iago Varela Martínez 29 Novembro, 2011 Responder
  5. Iria 29 Novembro, 2011 Responder
  6. Iago Varela Martínez 29 Novembro, 2011 Responder

Reply