Actualmente, vivimos unha época na que podemos clasificar os dispositivos en dúas clases: dispositivos que empregamos maiormente na casa e/ou no traballo como son os portátiles e os ordenadores de sobremesa; e dispositivos con máis mobilidade que son máis cómodos para empregar no autobús, tren ou incluso camiñando como son os smartphones e as tablets.
Un dos problemas que máis preocupan, en xeral, é a sincronización entre todos eles. Se estamos traballando na oficina, podemos querer ler na volta a casa o traballo que estábamos realizando. Se escoitamos unha canción na casa e nos gusta, gustaríanos escoitala no coche. Se estamos lendo un artigo interesante en Internet e non nos deu tempo a rematalo, podemos querer gardalo para lelo posteriormente…
Estes son os problemas que, principalmente se encargan de resolver as aplicacións baseadas no coñecido como cloud computing. Unha delas é Read It Later, que se basea nuns principios sinxelos: Se atopamos algo, navegando pola rede, xa sexa no noso ordenador, no noso teléfono ou na nosa tablet, e non o podemos ler nese momento, podemos gardalo de forma fácil e rápida para máis tarde lelo en calquera dos nosos dispositivos, incluso se non dispomos de conexión.
A aplicación, que conta xa con máis de 3,5 millóns de usuarios, está no Market oficial en dúas versións: unha gratuita e outra de pago (2,06 €) . Non hai diferencias significativas entre ambas, só algunha característica a maiores incluida na versión de pago.
Para o seu uso será necesario rexistrarnos (podemos facelo a través da súa web) e instalar un complemento nos navegadores que empreguemos nos nosos ordenadores. Tras a súa instalación aparecerá no navegador un novo botón que ao pulsalo na páxina que queremos ler noutro momento, será gardada e poderemos acceder a ela desde a aplicación para android ou desde a web.
Ao abrir un enlace na aplicación permite unha lectura tal como o veríamos no navegador ou sen o formato web – o que eles chaman vista de artigo – que se fai moito máis cómodo para ler. Tamén permite marcar o enlace como lido ou compartilo mediante redes sociais, servizos de mensaxería…
A aplicación pode ser descargada neste enlace.
Aplicación moi recomendable. Fáltalle unha versión específica para Chrome mais a versión web que teñen en probas está moi ben.