Google presenta novidades no seu servizo de música

Poucas sorpresas na keynote de Google desta noite. Tal e como se prevía o evento “musical” tiña que ver con Google Music, o servizo musical de Google, que despois de pasar todo o verán en beta pasa a ser definitivo.
Das súas características básicas, ningunha novidade respecto ao que xa vos comentamos o día do seu lanzamento: é un servizo gratuíto de música na nube, accesíbel desde calquera computador con acceso a Internet ou desde a aplicación móbil e con capacidade para 200.000 cancións.
Onde si se presentaron novidades foi no xeito de conseguir máis música para as nosas bibliotecas, coa chegada da tenda de música de Google, integrada totalmente no Android Market (tanto na aplicación Android como na versión web). A música que acharemos aló é en formato MP3 a 320 kbps e en canto á variedade teremos moito onde escoller: Google pechou acordos con Sony, BMG e EMI, así como tamén con ducias de selos discográficos pequenos. 
Pero ademais, os novos artistas tamén teñen o seu oco en Google Music. Desde a compañía do buscador quixeron facilitarlle as cousas e calquera pode subir a súa música. Para iso só hai que rexistrarse como artista e pagar unha cota de alta de 25 $, o mesmo que se cobra aos desarrolladores. A partires de aí, é o autor quen decide que sube a Google Music, que prezo lle pon, étc.
Así mesmo, seguirá habendo música para descarga gratuíta exclusiva para Google Music. Así, nun primeiro momento contarase con versións inéditas dos Rolling, un EP de Coldplay, avances de Busta Rhumes, Shakira…
Tamén se inclúe unha parte social, vencellada como non a Google Plus. Agora, poderemos compartir a música que merquemos na tenda de Google cos nosos contactos de Google Plus, que poderán escoitala sen cortes. Mellor maneira de conseguir nova música que coas recomendacións dos amigos?
Esta actualización tamén afecta a aplicación Android, que recibe un pequeno lavado de cara, coa imaxe de Ice Cream Sandwich. De momento a descarga desde o Android Market é para Estados Unidos. No resto do mundo podedes descargarla con este enlace directo (noso, comprobado e limpo).
Así que agora Google Music está aberto a todo mundo (pero só nos Estados Unidos, gran epic fail), ao igual que a tenda. De todos os xeitos, se queremos disfrutar do servizo podedes acceder a través dun proxy para solicitar o acceso e, unha vez que entredes xa se vos engadirá Google Music aos vosos servizos de Google. Nesta entrada xa contamos como facelo.

Sobre o autor

Reply