Este Nadal, agasalla Android (II): tablets para todos os petos

A primeira entrada desta serie adicámola aos smartphones e hoxe tocaba falar, como non, de tablets. Como sabedes, o 2011 foi o ano no que comezamos a ver tablets Android que puideron facerlle sombra ao – até entón – todopoderoso iPad. Se ben é certo que hai camiño por andar, os fabricantes que apostan por Android están sabendo poñerse a altura con produtos innovadores e que nada teñen que envexar ao dispositivo de Apple, senón máis ben ao contrario.

Ademais, a chegada de Ice Cream Sandwich semella ser o impulso definitivo que precisaba o sistema operativo de Google; saber que toda a alta gama de tablets que temos agora á venta e, por suposto, as novas tablets que vaian saíndo, van contar con esta versión de Android é pois unha tranquilidade para quen gustamos de ter un dispositivo actualizado.

Imos pois ver a selección de dispositivos que vos preparamos:
1) Samsung Galaxy Tab 10.1
Moito falamos desta tablet no noso blogue. Que se prestacións, que se novas versións, que se liortas con Apple… e é que seguramente a Galaxy Tab 10.1 sexa unha das principias iconas das tablets Android, combinando deseño co máis importante: as prestacións.
Dispón de procesador de 1 GHz dobre núcleo (Tegra 2), pantalla de 10,1 polgadas e 1280 x 800 píxeles de resolución, batería de 7000 mAh e dobre cámara (3 e 2 MP para traseira e frontal respectivamente). Todo isto por baixo dos 600 gramos e cun grosor inferior a un lapis. Existen varias versións da Galaxy Tab, dependendo da capacidade de almacenaxe interno (16 ou 32 GB) e da conectividade (WiFi ou WiFi+3G).
Podemos adquirila en moitos establecementos, por exemplo en Fnac, por 479 € a versión WiFi ou 589 € a WiFi+3G.
2) Asus EEE Pad Transformer
Os Transformer de Asus poden ser considerados como medio tablets medio computadores portátiles. E é que malia tratarse de tablets normais están concebidas para venderse cun accesorio complementario (que non necesario, ollo!): un teclado que fai que introducir texto sexa máis cómodo e rápido, pero que ademais otorga unha maior autonomía, pois tamén dispón de batería independente á da tablet.
Ten unha pantalla de 10,1 polgadas, procesador NVIDIA Tegra 2, memoria de 1 GB, dobre cámara (5 e 1,2 MP para traseira e frontal) e comercialízase en 2 modelos, de 16 e 32 GB respectivamente.
A versión de 16 GB pódese adquirir en tendas como El Corte Inglés por 399 €, aos que habería que sumar 100 € se se quere o teclado. A velocidade con que Asus leva as actualizacións de Android á Transformer fai que teña unha boa relación calidade/prezo.
A nova versión do Transformer, o Prime, verá a luz a comezos do 2012, como xa vos avanzamos nesta entrada.
3) Kindle Fire
A Kindle Fire, de Amazon, é unha alternativa boa para quen non queira deixarse moitos cartos e desexe  un dispositivo que dá bos resultados, pero cun Android capado. A súa interface de usuario sorprende porque non se parece ao Android que estamos adoitados a ver, xa que foi redeseñado por Amazon para imprimirlle un estilo propio. Moitos din que se trata dunha ferramenta pensada para consumir produtos de Amazon, e en certa medida é así, posto que a integración e acceso á tenda de libros, música e filmes é total.
Dispón de pantalla de 7 polgadas, procesador de dobre núcleo, 8 GB de almacenamento interno e conectividade unicamente WiFi. A principal tenda de aplicacións á que ten acceso é a de Amazon, na que podemos atopar moitas que tamén están no Android Market.
Mais o mellor de todo é o prezo: 199 $ (149 € co cambio actual). Pódese mercar por esa cantidade en Amazon US (non se vende na tenda de España) ou en tendas como Don’t Retail que envían a España por 229 €
4) AndyPad
A AndyPad é un exemplo de tablet barata e europea. Este último matiz, europea, non é nada desprezábel, porque polo seu prezo (e mesmo menos) podemos atopar milleiros de “tablets Android” en tendas chinesas cuxa calidade é bastante cuestionábel. Sen embargo na AndyPad atopamos un produto de mellores características – limitadas polas prestacións, obviamente – e garantidas, de xeito que se algo non funcionase como se espera do produto, temos asistencia europea.
Vén equipada con Gingerbread, Android 2.3, que como sabedes é unha versión de Android para smartphones, así que non poderemos usar nel as aplicacións que están deseñadas para tablets. Quitando ese pequeno matiz (tampouco tan relevante, pois non é que haxa unha chea de aplicacións que cumplan estas características), a AndyPad dispón de 8 GB de memoria interna, pantalla de 7 polgadas e resistiva, procesador de 1 GHz e conectividade unicamente WiFi.
Custa 129 libras (151 € ao cambio) e pódese adquirir na súa propia páxina web.
5) Nabi Tablet
Rematamos cunha tablet pensada para os pequenos da casa, a Nabi tablet de Toys R’Us. É un dispositivo de 7 polgadas con procesador a 533 MHz, 4 GB de memoria interna e cámara frontal de 1,3 MP. Pero o mellor de todo é que está deseñada a proba de nenos, é dicir, que pode caer, e ser golpeada sen que “lle pase nada”.

Trae precargados 30 xogos e 30 eBooks pensados para nenos dun amplo marxe de idade e conta ademais coa Nabi App Store, un “market” con aplicacións pensadas para esa tablet.

Pódese mercar na tenda en liña de Estados Unidos (aínda que xa sabedes os trucos de caixas postais no extranxeiro para poder enviar a España) por 199 $ (149 €).

Que vos parece esta selección? Cal credes que encaixa máis co que precisades vós? Coméntanolo a través das nosas redes sociais ou nos comentarios desta entrada.

Sobre o autor

One Response

  1. Nexus aka Chus 23 Decembro, 2011 Responder

Reply