Este Nadal, agasalla Android (III): 4 aparellos alternativos de corazón androide

Xa falamos neste especial de smartphones e tablets. Pero Android é capaz de dar vida a moitas outras cousas, e aínda que temos visto usos atípicos como por exemplo lavadoras hoxe ímonos centrar en gadgets que se poden mercar, pois non tería sentido falar de prototipos ou semellantes nun especial agasallos, non?
 
1) Logitech Revue
Comezamos por Logitech Revue, ou o que é o mesmo: Android no teu televisor. E é que así poderíamos resumir o que é este aparello que convirte a nosa televisión nunha smartTV, con acceso a Internet e aplicacións, que ao fin e ao cabo é o que esperamos todos de calquera dispositivo con Android.
A Logitech Revue é un dos dispositivos que contan co que se denomia GoogleTV, a aposta de Google por levar Android aos salóns das nosas casas. Neste caso estamos a falar dun aparello recén actualizado a Honeycomb (3.1), a versión inicial das tablets, algo que non nos sorprende porque está optimizada para pantallas máis grandes. Comercialízase cun teclado para poder empregalo, imprescindíbel, porque ter que introducir letras cun mando pode ser incómodo non, o seguinte…
Navegar por Internet, controlar as redes sociais, ter videochamadas… son só algunhas das cousas que podemos facer tendo este aparello na casa. Custa 99 $ (74 €) en Amazon US.

2) MotoACTV

Se sodes amantes de facer deporte con música, MotoACTV é o voso dispositivo. Trátase dun aparello que serve tanto de reprodutor musical como de reloxo, pasando por un completo control do exercicio que estamos a facer, a través do Coach Trainer, unha aplicación que mixtura os datos obtidos co MotoACTV cunha visualización web/tablet.

Dispón dun procesador de 600 MHz, GPS e conectividade Bluetooth e WiFi. Pero o mellor de todo é que resite golpes e auga, algo lóxico se estamos a falar dun aparello co que sairemos a facer deporte pero que non todos poden presumir de ter.

Existen dúas versións, unha de 8 GB por 249 $ (186 €) e outra de 16 GB por 299 $ (224 €), que se poden mercar, por exemplo, en Amazon ou na propia tenda en liña de Motorola, onde tamén atopamos algúns dos accesorios creados especificamente para este aparello.


3) Archos 35 Home Connect

O Archos 35 Home Connect é un aparello de escritorio pensado para un uso de espertador avanzado, xa sabedes, eses trebellos que temos ao carón da cama para darnos os “bos días”, e no que podemos consultar a información meteorolóxica ou escoitar a radio.

Dispón dunha pantalla de 3,5 polgadas e procesador de 1 GHZ e conta con acceso directo a máis de 50.000 estacións de radio vía web, aínda que tamén podemos reproducir a nosa música, xa que dispón de 4 GB de memoria interna e ranura con soporte de tarxetas microSD de até 16 GB (ou a través de Google Music vía WiFi, por exemplo).

Pódese mercar na web do fabricante por 129,99 €.


4) I’m Watch

Moito máis ca un reloxo. I’m Watch é unha serie de dispositivos Android para levar a carón da man non só a hora senón acceso a moitas funcionalidades do noso smartphone a través de conexión Bluetooth.

E é que cos I’m Watch poderemos facer chamadas de teléfono, ler mensaxes, actualizar o Facebook ou Twitter, escoitar música, acceder á predición do tempo… todo iso nunha pantalla táctil de 1,54 polgadas e cunha memoria interna de 4 GB.

A autonomía que aseguran é dunhas 48 horas, que se reducen a 30 se usamos a conexión Bluetooth todo o tempo, o que seguramente será o seu maior inconvinte (porque aínda non falamos do prezo :P).

Existe un amplo habano de prezos, xa que existen diferentes modelos (esteticamente falando):

  • I’m Color, en 7 cores con brazalete de silicona por 249 €.
  • I’m Tech, para os máis geeks, por 499 € se o queremos en titáneo ou 999 € se o queremos en carbono.
  • I’m Jewel, con prezos que van desde os 9999 € (si, é correcta a cifra) para diferentes acabados en ouros ou 11999 € para un acabado en ouro e diamantes.
Todos eles poden mercarse na súa tenda en liña.
Como vedes, podemos gastar en gadgets Android desde cantidades decentes até verdadeiras esaxeracións. Que opinades, mercaríades algún deles para vós oua para agasallar a alguén?

Sobre o autor

Reply