Hai uns días demos conta no noso blogue da última información dispoñíbel sobre unha posibilidade in extremis de Samsung por levar certos aspectos de Ice Cream Sandwich aos Galaxy S, a través dunha actualización de Gingerbread con opcións extra.
Pois ben, Samsung acaba de confirmar que non haberá tal actualización e o argumento segue a ser o de sempre: que as especificacións hardware do terminal non dan para soportar Ice Cream Sandwich, algo que desminten diferentes probas. O problema estaría en que Samsung non pasaría por actualizar o terminal a ICS limpo, senón que quere que os seus terminais leven a interface TouchWiz, o que fai inviábel a actualización.
Como xa temos comentado, a alternativa é instalar unha ROM non oficial. Polo de agora non hai ningunha libre de problemas, o máis destacado é o non funciamento da cámara. Corrixido isto, instalar unha ROM pode ser unha boa alternativa para os posuidores dun Galaxy S.