Google Maps mola. Malia todo, pese ás melloras e navegación offline que permite desde as últimas actualizacións, non podemos considerar que sexa a mellor ferramenta para facer iso.
Son moitas as razóns que nos poden levar a querer empregar unha aplicación de navegación GPS offline, como que vaiamos a facer unha ruta por un monte galego no que a cobertura é escasa (ou nula), que viaxemos ao extranxeiro e teñamos que apagar os datos para non sufrir unha morte por facturación ou que non teñamos contratada unha tarifa de datos.
Sexa cal sexa o caso, unha alternativa que funciona moi ben é Navfree, unha ferramenta coa que podemos descargar só os mapas que precisemos empregando, por exemplo, unha conexión WiFi.
Entre as opcións que nos permite á hora de trazar rutas están as de evitar peaxe, elixir o tipo de vehículo ou decidir se queremos ver o mapa en 2 ou 3 dimensións. Permite ademais buscar por enderezo, POI’s (puntos de interese) étc.
Os mapas que emprega Navfree pertencen ao consorcio Open Street Map, que está a crear un mapa baseado en ferramentas libres, como alternativa a Google Maps ou Bing Maps.
Podedes descargar Navfree desde o Android Market. É preciso dispór dun terminal con Android 2.2 ou superior.