Análise do Galaxy Nexus (I): o terminal

Hoxe comezamos esta análise do Galaxy Nexus, o último terminal da saga pure Google que serviu tamén como plataforma para presentar Ice Cream Sandwich (Android 4.0), a quen adicaremos a segunda parte desta análise. O socio escollido por Google para fabricar o Galaxy Nexus foi Samsung; todo parece indicar que quedaron contentos co conseguido co anterior modelo da saga, o Nexus S.

Tamaño, forma, peso e acabados

Desde logo, o primeiro que nos chama a atención cando collemos o Galaxy Nexus nas mans é que é un terminal grande, o que non quita que sexa cómodo se temos unhas mans acordes ao tamaño do terminal. Mide 135,5 x 67,94 x 8,94 mm e pesa 135 gramos.
Destaca a súa interface curvada, ao miralo lateralmente, aínda que é totalmente estábel; explícome: non baila cando está apoiado nunha superficie plana.

Os acabados son en plástico, coa parte traseira rugosa, que nos lembra a outros terminais de Samsung, como o Galaxy S II.

Botóns físicos e conexións
O Galaxy Nexus caracterízase pola práctica ausencia de botóns físicos. Así, só atopamos 3: o de acendido, situado no lateral dereito, e os de subir/baixar volume no esquerdo.
En canto a conexións temos na parte inferior o audio jack 3.5 e o miniUSB que usamos para cargar a batería e transferir datos a un computador. No lateral dereito temos tres puntos de conexión que nos servirán para conectar o dispositivo a un dock.

Case imperceptíbel é a luz de notificación LED: un pequeno punto que se ilumina na parte inferior frontal do terminal cando temos notificacións e que pasa desapercibido cando non está activo. Interesante este aspecto para aforrarnos ter que andar acendendo a pantalla cada vez que queremos comprobar se temos algo pendente de ver.
Potencia baixo control
Para darlle vida ao Galaxy Nexus contamos cun procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz fabricado por Texas Instruments, o OMAP 4460. Pola súa banda, o procesador gráfico é un PowerVR SGX540 a 384 MHz.
Chama atención que non dispón de espazo para tarxetas microSD, algo habitual nos terminais Android e que adoitan mellorar a capacidade de almacenamento interna. Malia todo, este Nexus conta con 16 GB e tamén 1 GB de RAM.

Quizais sexa un pequeno erro non terlle metido lector de microSD, mais o certo é que os 16 GB serán para a práctica totalidade dos usuarios capacidade abondo.

O procesador fai que este terminal traballe sen ningún problema, por moito que teñamos varios xogos abertos, reprodutor musical e outras aplicacións que tiran, como Google Earth. Todo iso sen afectar notabelmente na duración da batería, algo que se agradece.

Pantalla
A pantalla é sen dúbidas un dos puntos fortes deste terminal. Con forma curvada, ten 4,65 polgadas e está fabricada con tecnoloxía SuperAMOLED HD. A súa resolución é de 1280 x 720 píxeles (lembremos que isto dá unha densidade de píxeles superior á que é capaz de percibir o ollo humano) e dispón dun recubrimento especial que mellora a visión en ambientes con gran carga lumínica.
Cámaras

Algo que chamou a atención cando se presentou o terminal foi que a cámara principal non fose de máis megapíxeles, pois parece que a moda é ver quen ten máis como mostra de calidade, algo no que discrepan os expertos en fotografía. E é que máis megapíxeles non é sempre sinónimo de mellor cámara, pois tamén hai que ver que óptica ten, étcetera.

De todos os xeitos, a cámara non é o punto forte deste terminal, aínda que cumpre perfectamente e está a altura do agardado. A principal é de 5 megapíxeles, con flash LED e autoenfoque. É capaz de sacar fotos con tempo de obturación practicamente cero e grava vídeos en Full HD. En canto á cámara frontal, esta é de 1,3 megapíxeles e tamén grava vídeo, aínda que este caso a 720 píxeles.

Dispón de serie de función panorámica, aspecto que persoalmente me pareceu moi interesante.

Batería

A batería é de 1750 mAh, vamos unha capacidade que non destaca por excesiva. Dálle unha autonomía de día e medio ou 2 días cun uso bastante intenso, o que non está nada mal para o terminal que é.

Ademais, a batería inclúe en si o chip NFC, unha curiosidade a destacar.

Sensores: o de sempre + barómetro

Ademais dos sensores habituais en calquera dispostivo Android que se prece (acelerómetro, brúxula, xiroscopio, sensor de proximidade…) o Galaxy Nexus conta con barómetro. 
De seguro que moitas e moitos vos estaredes a preguntar para que quere un barómetro. A inclusión deste ten como obxetivo acelerar a velocidade de posicionamento, xa que ao dar a a altitude axuda nos cálculos do GPS.

Conclusións e dispoñibilidade

En definitiva, tras analizar esta parte máis técnica do Galaxy Nexus podemos concluír que se trata dun terminal moi apetecíbel e cunhas características técnicas que non nos deixarán indiferentes. É un dispositivo pensado para un público esixente e que quere ter a garantía dun trato preferente, ao ser un terminal con selo de Google, un alivio á hora de pensar en actualizacións.

Polo de agora ten a exclusiva Vodafone, aínda que en tendas como en The Phone House pode mercarse libre por 579 € ou con contratos con outras compañías como Yoigo ou Orange.

Aproveitamos para agradecer a Samsung o préstamo deste terminal para poder facer esta análise.

Sobre o autor

Reply