Chega Chrome para Android: en beta e só para ICS

Isto é como cando che din que teñen 2 noticias que darche, unha boa e unha mala. A boa é que Chrome para Android xa está dispoñíbel. A mala, que só para Ice Cream Sandwich.
Despois de moitos rumores chegou o navegador de Google á súa versión Android, aínda que se presenta en beta e dispoñíbel unicamente en dispostivos que conten con Android 4.0 (Ice Cream Sandwich).
Entre as vantaxes que desde Google aseguran que ten este navegador está a velocidade, tanto de navegación como á hora de facer buscas, grazas aos resultados instantáneos. As pestanas tamén terán un papel fundamental en Chrome para Android, e poderemos ter abertas tantas como queiramos; desprazarse entre elas é tan sinxelo como arrastrar o dedo lateralmente.
Pero sen lugar a dúbidas o mellor deste navegador é a simplicidade, a mesma que caracteriza á súa versión de escritorio, cunha adaptación moi conseguida en canto a diferentes tamaños de pantallas, e con detalles como o zoom de ligazóns, para evitar que abramos o que non queiramos cando teñamos dous enlaces moi próximos.
Iniciando sesión e grazas á sincronización que caracteriza a Chrome poderemos seguir mirando no noso móbil ou tablet o que estabamos a ollar no ordenador, enviar ligazóns ao teléfono ou ter sincronizados os marcadores.
Chrome está dispoñíbel no Android Market para todos os androides con versións 4.0 e superior.

Sobre o autor

Reply