Cobertura especial de Mallando no Android no Mobile World Congress 2012 #mwc12

Redefinindo o móbil. Ese é o lema co que se presenta a edición deste ano do Mobile World Congress, o maior evento no mundo das comunicacións móbiles, que se celebra un ano máis en Barcelona e que terá lugar desde o vindeiro luns 27 de febreiro até o 1 de marzo.
Como non podería ser doutro xeito, Mallando no Android estará aló para contarvos en primeira persoa e, por descontado, en galego, todas as novidades que aló se presenten, acompañados dos compañeiros vencellís de A Mac-eira, .
A cobertura especial de Mallando no Android co gallo do Mobile World Congress comezará este mesmo venres, día no que mudaremos a nosa sede virtual a Catalunya para irvos contando como van os preparativos da feira máis importante do sector e cubrir algún que outro evento que viviremos antes de que comece oficialmente o MWC’12.

A nosa axenda está desde o domingo chea de presentacións e actos que vos iremos contando tanto polo blogue como a través das nosas redes sociais, nomeadamente de Twitter por ser a máis áxil para este tipo de coberturas.
Eventos de Huawei, Sony, LG, Asus… encontro con Samsung, keynote de Eric Schimidt, algunha que outra rolda de prensa de operadores e moitas outras cousas están a agardar. Non nos esqueceremos tampouco dos actos da “competencia”, estando atentos ao que fan outros fabricantes como Nokia co seu novo aliado Microsoft.
Así que xa sabedes: para estar ao tanto das últimas novidades do MWC’12 seguide as nosas andainas catalanas. Ens veiem a Barcelona!

Sobre o autor

Reply