Pese a todos os rumores que había arredor dos terminais que presentaría HTC neste Mobile World Congress, houbo que agardar ao evento de prensa para coñecer cantos, cales e que características tiñan os que serán a súa aposta para este 2012.
O evento desde logo non defraudou. Peter Chou, CEO de HTC soubo estar á altura da presentación, consciente de que a marca xógase moito tras as cifras non tan boas que HTC conseguiu durante o pasado exercicio. Por iso amouse realmente entusiasmado co traballo feito polo fabricante coa serie One.
Dicimos serie por One é un conxunto de terminais, un total de 3: X, S e V.
- O X é o de maior gama. Conta con procesador NVIDIA Tegra 3 de 4 núcleos a 1,5 GHz e pantalla de 4,7 polgadas.
- O S dispón de características semellantes pero nun tamaño máis compacto, cunha pantalla de 4,3 polgadas.
- O V, que non puidemos ver en vivo, lembra en certa medida a un dos terminais predecesores de HTC, o Legend, no cal se inspiraron.
Cámara por riba de todo
Segundo se apuntou durante a presentación, durante o 2011 subíronse só a Facebook máis de 45.000 millóns de fotografías tomadas con móbiles. Tendo en conta que ademais a cámara é a segunda funcionalidade máis empregada nos smartphone, despois de facer chamadas, en HTC pensaron que este era o punto no que apostar.
A cámara que incorporan os terminais da serie One mellora as imaxes tomadas por terminais da competencia en moitos sentidos e incorpora novas funcionalidades, como a posibilidade de tomar imaxes en ráfaga ou unha que a nós nos pareceu realmente innovadora: a posibilidade de sacar fotos á vez que se está a gravar un vídeo.
A velocidade é outro dos aspectos interesantes da cámara. Tan só lle leva 0,7 segundos sacar unha foto e o acceso a ela é practicamente instantáneo, igual que tamén é moi áxil o tema de compartilas a través das redes sociais, étc.
Son
Xa falamos moitas veces de Beats Audio, ese sistema desenrolado por HTC que consegue un son espectacular. É certo, probámolo e é simplemente xenial. Cuns cascos que tamén comercializa HTC a combinación é explosiva, semellante ao conseguido nun estudo de gravación.
Todos contan con Ice Cream Sandwich de serie, a última versión de Android, aderezada con HTC Sense 4, que engade non só funcionalidades visuais senón tamén melloras no son e prestacións para a cámara. Mais non só iso: Sense 4 inclúe un acordo con Dropbox que fará que toda a xente que merque este terminal teña 25 GB de balde para almacenaxe de datos na nube durante 2 anos.
Dispoñibilidade
En canto a dispoñibilidades, HTC acordou distribuílo con máis de 165 operadores de todo o mundo a partires de abril. En España Movistar, Vodafone, Orange e Yoigo (non sabemos nada dos OMV’s) serán os encargados de comercializalos.
Nos próximos días poderemos probalos con moita máis calma e ofrecervos unhas impresións moito máis profundas.