Eric Schmidt, o que foi CEO de Google e actualmente Executive Chairman, estivo antonte no Mobile World Congress. Como non podería ser doutro xeito Mallando no Android estivo aló, escoitando todo o que tivo que dicir. De feito, puidéchedes seguir polo noso Twitter as frases que ao noso entender resumiron mellor o evento.
A keynote comezou coa presenza de Hugo Barra, en quen Schmidt se apoiou para presentar Chrome para Android, a aplicación que levabamos tempo agardando e que só está dispoñíbel para a versión Ice Cream Sandwich (e non vai estar para as inferiores).
Chrome para Android destaca por ter unha gran usabilidade na xestión de pestanas, na sincronización de marcadores e mesmo do historial: podemos ter abertas unhas pestanas no computador, acceder ao navegador do smartphone, seguir vendo as mesmas pestanas e cando lle damos a “atrás” visitar a páxina que víramos antes nesa mesma pestana.
Pasando ao que é a keynote de Eric Schmidt en si, podemos dicir que foi bastante descafeinada. Quixo tocar moitos temas pero pasando moi por riba. Foi sen embargo na longa quenda de preguntas onde xurdiron temas máis interesantes. Recomendámosvos que lle botedes un ollo ao vídeo: