Shazam no #mwc12. Algo máis ca un simple recoñecedor de cancións

Oímos falar moitas veces de Shazam, esa aplicación que nos permite descubrir que canción está a soar con tan só deixar que o noso móbil “escoite” o son ambiente. Pero iso é todo o que Shazam ten que ofrecernos? Desde logo que non, e o futuro preséntase aínda máis prometedor.
Durante o Mobile World Congress puidemos entrevistarnos cunha das responsábeis da compañía, quen nos desvelou moita información sobre como está o proceso de tagging de Shazam na actualidade.
Neste momento a aplicación xa é capaz de recoñecer cancións tocadas en directo (e tarareadas se temos boa entonación), pero o obxetivo é ir máis aló, taggeando todo tipo de eventos. Así fixeron, por exemplo, coa actuación de Madonna durante a Super Bowl (podedes reproducir o seguinte vídeo e probar). Con iso podemos obter o tracklist da actuación con tan só escoitar uns poucos segundos, saber da xira da artista etcétera.

Só para música? O certo é que non. En Shazam queren que poidamos identificar case todo o contido multimedia para darnos información extra, nomeadamente a publicidade. Así, están traballando con anunciantes para introducir nas súas bases de datos os spots para que os usuarios poidamos acceder a contidos exclusivos.

Ao igual ca co tema dos shows, os famosos spots da Super Bowl serviron como plataforma de presentación deste novo servizo. Todos os anuncios emitidos foron procesados por Shazam e se poñemos o móbil a escoitar obteremos información extra.

Así, se probamos co anuncio de Toyota que poñemos máis abaixo podemos ver como se nos ofrece a posibilidade de obter máis información no web de Toyota, interactuar coa campaña, suscribirnos ás novidades do anunciante ou descargar a canción do anuncio

O certo é que a nós pareceunos que o camiño escollido por Shazam é bastante interesante. Que opinades vós?

Shazam é unha aplicación gratuíta. Podedes atopala no Android Market.

Sobre o autor

Reply