Os usuarios de Samsung teñen que estar cansos de tanta rumoroloxía sobre os seus terminais e a actualización a Ice Cream Sandwich ou a existencia ou non dun “value pack” para aqueles terminais que quedan sen recibir a súa dose de xeado.
Agora confirmaron que si, que xa está liberada desde onte a actualización para Ice Cream Sandwich para o Galaxy S II. Iso si, non en España. Rumoréase (de novo, rumores…) que a Reino Unido comezaría a chegar o 19 de marzo. En España Samsung mantén a boca pechada así que desde Mallando no Android non imos poñer a man no lume por ninguén. Cando o digan e sexa oficial, farémovolo saber.
O que parece oficial é a que haberá un “value pack”, unha actualización da capa de personalización de Samsung sobre Gingerbread para algúns terminais que non recibirán ICS. Entre as características de ICS que se incluirán nese pack están o desbloqueo facial, a captura de pantalla e a edición de imaxes. Deste pack só se beneficiarán o Galaxy S, a Galaxy Tab de 7 polgadas, o Galaxy S Plus, o Galaxy S SCL e o Galaxy W.