Probamos as Smart Tags de Sony: o NFC con utilidade diaria #mwc12

Moito falamos do NFC, unha tecnoloxía coa que se poden facer moitísimas cousas pero sen uso… sen uso? Ben, iso era até o de agora, porque por fin imos vendo utilidades no día a día.
No Mobile World Congress o NFC estaba en todos os lados: se dispuñas dun smartphone con esta tecnoloxía podías ler as acreditacións da xente, o que facilitaba as tarefas á hora do networking e aforraba bastante en papel de tarxetas. Mais non só iso, había casos nos que se podía facer checkin en lugares e aplicacións semellante.
Imaxinades as posibilidades que ten iso? Chegar a un bar e facer checkin en Foursquare sen necesidade de andar abrindo a aplicación, buscando o lugar, dándolle ao botón de checkin…? Ou tomar un café e pagar co móbil sen ter que sacar moedas ou a tarxeta…? Ou intercambiar contidos cos smartphones dos nosos contactos de xeito sinxelo..? Desde logo as posibilidades son infinitas.

En Sony quixeron ir máis aló. E por iso hai uns meses presentaron as Smart Tags, unhas etiquetas NFC pensadas para colocar en diferentes lugares polos que nos movamos para programar accións no noso smartphone.

A idea inicial é ter 4 etiquetas, de 4 cores para distinguilas (branco, negro, vermello e azul). Na meirande parte dos casos os terminais que se merquen xa traerán a lo menos un par delas para probalas, pero poderanse adquirir máis nas tendas de Sony.
A compañía decidiu que estas veñan preconfiguradas, pero os usuarios podemos mudar as funcionalidades que se activan ou desactivan ao usalas. Así, por exemplo, a configuración inicial é a seguinte:
  • Azul. Pensada para ter no coche. Así, ao meternos no coche e xuntar o noso smartphone á Smart Tag activaríase o GPS, abriríase a aplicación Google Navigation e se acendería o Bluetooth para o mans libres.
  • Branca. A da oficina. A idea é que con esta Smar tTag se nos active a WiFi, póñase o volume de timbre en alto para non perder unha chamada e se abra o calendario para ver a axenda do día.
  • Vermello. A etiqueta da casa. Ao chegar a casa acenderíamos o WiFi, poríase o volume de timbre en alto e se abrirían as aplicacións do tempo e de novas
  • Negra. A da mesiña de noite. Esta última está pensada para cando nos imos a durmir: activa a alarma, ponse en silencio e apaga a WiFi, o Bluetooth e o GPS.
Pero o mellor de todo é que como dixemos antes pódense configurar, de tal xeito que podemos personalizar até 10 funcións con cada unha das 4, as que queiramos. Na demo que probamos no Mobile World Congress empregábase unha pensada para ter na casa e saír a facer deporte na que, por exemplo, estaba configurada a activación do GPS, que se abrise Endomondo e a aplicación de música.
Ademais, as Smart Tags pódense compartir, de tal xeito que non temos que ter chapiñas específicas para cada membro da casa con smartphone: unha mesma Smart Tag pode ser compartida e ter funcionalidades diferentes: Así pode ser que ao xuntar, por exemplo, á etiqueta branca, un membro do fogar a teña configurada para “modo deporte” e outro en “modo durmir”. Interesante, non?
A nós pareceunos que as posibilidades poden ir tan lonxe como se nos ocorra. Que opinades vós?

Sobre o autor

Reply