L Style, máis información da gama media de LG para o 2012 #mwc12

Entre as múltimes formas de clasificar aos usuarios de smartphones, unha delas é a do nível de esixencia a un terminal. Os máis heavy users reclamamos “máis todo”: máis potencia, máis capacidade, máis e mellor pantalla, máis autonomía (bueno, isto creo que o reclamamos todos…)… e parece que estamos a chegar a un punto no que temos dispositivos potentes de máis para a utilidade que lle damos.

Se ligamos isto a que estamos nun proceso de recesión no que moita xente está escollendo gastar menos á hora de facerse cun terminal, ten sentido pensar nunha gama media ou gama media alta. E esta parece que será a aposta principal de LG para o 2012: a compañía non renuncia aos usuarios máis esixentes, co 4X, pero estes non serán a principal prioridade.

A gama L Style componse de 3 terminais, o L3, L5 e L7. Vexamos un pouco máis polo miúdo cada un deles:

L3

O L3 englóbase na categoría que os fabricantes denominan “terminal de iniciación”, pensado para ser o primeiro smartphone de usuarios básicos. É dicir, daqueles que non lle van a prestar moita atención e queren usar unhas funcionalidades mínimas: correo, whatsapp… sacar un par de fotos e subilas a Google+, etcétera.

Dispón dunha pantalla de 3,2 polgadas e unha resolución de 240 x 320 píxeles. O seu procesador é de 800 MHz. Conta con todas as conexións e sensores típicos dos terminais Android, como acelerómetro, GPS, WiFi, Bluetooth… a súa cámara é de 3,2 megapíxeles. No que ten a ver coa memoria, dispón de 150 MB de memoria interna (ampliábeis por microSD) e 384 MB de RAM. A súa batería, de 1500 mAh fará que teña unha autonomía superior ao que estamos acostumados.En canto a sistema operativo, vén con Android 2.3 Gingerbread e non vai ser actualizado a Ice Cream Sandwich porque as características técnicas non o permiten.

L5

Subindo un chanzo na gama atopámonos co L5, o primeiro terminal de gama media en romper a ecuación “gama media = pantalla pequena”. E é que o L5 dispón dunha pantalla de 4 polgadas e resolución 320 x 480 píxeles.

Non destaca polo seu procesador, de 800 MHz, pero malia todo corre Ice Cream Sandwich con fluidez. A súa cámara principal é de 5 megapíxeles e tamén conta cunha frontal VGA pensada para vídeochamadas.

L7



O máis alto da gama L, o L7, xa é máis potente. Ao igual que o L5 xa conta con Ice Cream Sandwich desde o momento de partida, aínda que neste caso nun terminal con maior procesador (1 GHz de dobre núcleo) e maior pantalla (4,3 polgadas).

A súa cámara é de 5 megapíxeles (VGA a frontal) e conta con 1 GB de memoria RAM.

Aínda é algo cedo para falar de prezos, pero poderíamos augurar uns 150-180 € para o L3, 350 € para o L5 e 450 € para o L7 (en libre). Que vos parecen a vós estes terminais?

Sobre o autor

Reply