Non sorprendemos a ninguén se dicimos que os fabricantes chineses están facendo esforzos por aportar ao mercado europeo terminais de calidade máis que aceptábel, características dignas dos máis grandes e prezos de gama media.
A última novidade neste sentido vén da man de Meizo, que dá a coñecer o seu MX Quadcore, un terminal que conta cun procesador a 1,5 GHz. Completan as súas características unha pantalla de 4 polgadas e resolución de 900 x 640 píxeles, cámara traseira de 8 megapíxeles, 32 GB de memoria interna, 1 GB de RAM e unha batería de 1700 mAh.
Leva Ice Cream Sandwich como sistema operativo, aderezado cunha capa de personalización propia, e estará dispoñíbel en 6 cores por algo menos de 300 euros, aínda que non está prevista a distribución europea (pero sempre se pode mercar a través de Internet).