Traballar na nube é algo cotián hoxe en día. E que Google aposta fortemente por ela non sorprende a ninguén. Neste sentido, os de Mountain View veñen de facer oficial o que foi un segredo a voces nos últimos meses: Google Drive.
Google Drive é o novo servizo do buscador que permite ter arquivos dun determiando cartafol sincronizados coa nube, grazas a un cliente de escritorio que até o de agora só está dispoñíbel para Windows e Mac. Ademais, tamén se integra con aplicacións móbiles para as plataformas Android e iOS (estará dispoñíbel en breve), para que poidamos acceder tamén desde os nosos smartphones ou tablets.
Con Google Drive poderemos crear, compartir, colaborar e gardar documentos de todo tipo na nube, podendo disfrutar deles en calquera lugar e en moitos casos até executalos sen necesidade de descargalos (até 30 tipo de extensións, nas que se inclúen pdfs, documentos, audios e vídeos…).
A integración con Google Docs é total, de aí que vísemos novidades esta mesma mañá cando se aumentou a capacidade de 1 a 5 GB. Tamén destaca a posibilidade de facer buscas precisas (algo no que en Google son máis que expertos), de compartir fotos directamente en Google+ ou enviar os axuntos de Gmail ao disco duro virtual.
A seguridade tamén parece que será un punto forte do Google Drive, cunha dispoñibilidade garantida no 99,9 % do tempo e cos datos encriptados desde a súa transferencia. Isto únese á réplica de datos en varios servidores para que nunca perdamos os nosos arquivos.
Incialmente dispóñense de 5 GB’s de almacenaxe gratuíto, 3 GB’s máis que os que podemos conseguir en Dropbox incialmente. Ao acadar o límite pódese aumentar 25 GB por 2,49 $/mes, 100 por 4,99 $/mes e 1 TB por 49,99 $/mes.
Google Drive xa está dispoñíbel para todos os usuarios. Só hai que entrar na ligazón que atoparedes máis abaixo para comezar a disfrutar do servizo
Que opinades do novo servizo de Google? Vai supor un cambio nos vosos hábitos ou seguiredes usando outros clientes de almacenaxe na nube?
Máis info: Drive