Samsung presenta oficialmente o Galaxy S III. Redefinindo Android #theNextGalaxy

Remataron os rumores, os díxome-díxome e as filtracións. Todo é oficial, até o nome: Galaxy S III. Con el Samsung pretende seguir reinando no mundo dos smartphones e aumentando a familia Galaxy coa que tanto éxito está a colleitar.

A presentación deste terminal tivo lugar en Londres, un emplazamento non escollido por casualidade. E é que Samsung é un dos maiores patrocinadores dos Xogos Olímpicos e o seu novo terminal o “smartphone oficial” do agardado evento deportivo.

Deseño

Hai un cambio no deseño, apostando polas liñas redondeadas, de xeito similar ao último Google Phone, o Galaxy Nexus fabricado tamén por Samsung. Auméntase o grosor un chisco, chegando aos 8,6 mm (practicamente inapreciábel) respecto ao seu predecesor, o Galaxy S II, e tamén o peso (133 gramos), algo lóxico tendo en conta que se aumenta considerabelmente a pantalla.

Pouco novo en hardware

As características técnicas do novo terminal de Samsung non son para deixarnos abraiados. Non queremos dicir con isto que non sexa un supersmartphone, que o é, pero non atopamos nada tremendamente novidoso sobre outros dispositivos xa dispoñíbeis no mercado, mesmo da mesma Samsung.

O máis relevante é sen dúbida o seu procesador, de catro núcleos e a 1,4 GHz, como xa vos adiantamos hai uns días. Polo demais ten unha enorme pantalla de 4,8 polgadas (maior ca do Galaxy Nexus, de 4,65) e tecnoloxía Super AMOLED (1280 x 720).

Combina 2 cámaras, a traseira de 8 megapíxeles e a frontal de 1,9. Destaca a rapidez con que é capaz de poñerse en funcionamento (en menos de 1 segundo desde o modo pasivo) e a inmediatez do enfoque-disparo. Grava vídeo en HD a 1080 e permite tomar fotos á vez que se está a gravar vídeo, algo semellante ao que vimos no HTC One.

Ademais dos sensores habituais conta con NFC, un chip que cada vez está presente en máis e máis smartphones. En canto a almacenaxe interna, haberá versións de 16, 32 e 64 GB, ampliábeis mediante microSD noutros 64 GB adicionais. A batería é de 2100 mAh, bastante máis ca do Galaxy Nexus (1750 mAh) e menos ca o Galaxy Note (2500 mAh), por comparar con outros dispositivos do mesmo fabricante.

A gran novidade: o software

Sobra dicir que o Galaxy S III sae ao mercado con Ice Cream Sandwich, a última versión de Android dispoñíbel. Mais deixando de lado a versión de Android, da que xa coñecemos todo, cómpre que sinalemos as grandes novidades que trae este terminal:
  • S-Voice. A mellor forma de definilo, cun exemplo: o “Siri” de Samsung, pero mellorado. Trátase dun sistema de recoñecemento de voz, polo cal se pode falar co terminal e interactuar para levar a cabo moitas opcións, como saber do tempo, escribir mensaxes e correos, étc. O mellor de todo é que desde o comezo está dispoñíbel en 8 idiomas, entre eles o español.
  • S-Health: permite ter control de certos aspectos relacionados co control da saúde
  • S-Beam: é unha evolución do xa coñecido Android Beam que implementa ICS, para dar aínda máis funcionalidade ao NFC cun sistema de multiconexión NFC-WiFi Direct para facer transferencias máis rápidas
  • Smart Stay: trátase dunha tecnoloxía que sabe se estamos a mirar ou non a pantalla, apagándoa en caso negativo para aforrar batería.
  • Autotagging de fotos: sacar unha foto e que automaticamente recoñeza quen dos nosos amigos sae nela, sen ter que dicirllo. Iso facilita as cousas á hora de compartir fotos nas redes sociais.
Nube, nube, nube
Os rumores apuntaban a un S Cloud, unha “nube de Samsung”. Finalmente non se presentou tal servizo, aínda que sabemos que o Galaxy S III trae na cesta un acordo entre o fabricante coreano e Dropbox para ofrecer 50 GB aos usuarios, aínda que non sabemos en que condicións (se de por vida ou por tempo limitado, xa sabedes, letra pequena…) durante 2 anos.

Novo spot
Para os amantes dos anuncios, o evento serviu tamén para asistir á presentación mundial do primeiro anuncio co que se dará a coñecer o novo membro da familia Galaxy, un video centrado na conexión entre as persoas e o smartphone de Samsung.

Dispoñibilidade
Un dato interesante é saber que o Galaxy S III vai estar dispoñíbel en breve, concretamente o 29 de maio en Europa. Vodafone UK confirmou a exclusividade do modelo de 16 GB, polo menos inicialmente.

Es España, Vodafone foi a primeira operadora en confirmar a súa dispoñibilidade, abrindo ademais unha páxina de prerrexistro.

Haberá 2 cores, azul e branco.
Accesorios
Entre os accesorios máis destacados para este terminal, no que se inclúen os xa coñecidos mans libres, destaca o cargador inarámico, que intuímos non virá no pack de venda e se poderá mercar por separado. Trátase dun sistema de carga por inducción que carga o móbil sen ter que enchufar nada, con tan só apoialo nunha base.
Conclusións
Desde Mallando no Android consideramos que Samsung pensou en mellorar aquelas cousas máis demandadas polos seus usuarios, basicamente a duración da batería e o rendemento, aínda que sen presentar algo realmente novidoso no que ten a ver co hardware. Seguramente isto teña moito que ver cunha falta de competencia neste sentido e na non-necesidade por ir máis aló no momento actual.
Sen embargo, a aposta polo software incluído é máis que obvia, centrándose na mellora da experiencia de usuario, algo que ás veces os fabricantes esquecen. Neste sentido consideramos que volve a poñer o listón moi alto para os demais fabricantes, que veremos con que responden.
E vós que opinades da nova bestia Android?

Sobre o autor

3 Comments

  1. Anonymous 3 Maio, 2012 Responder
  2. Anonymous 3 Maio, 2012 Responder

Reply

Deixa una resposta a Iago Varela Martínez Cancelar a resposta