A democratización Android consiste en ter no mercado terminais orientados a todo tipo de públicos, desde o máis esixente que quere a máxima potencia e rendemento a outro que busca solucións básicas sen ter que facer grandes inversións económicas.
Neste senso o fabricante Wolder vén de lanzar a tablet miTab City Max, un dispositivo cunha pantalla de 7 polgadas e 800 x 480 píxeles de resolución e que vén equipada con Ice Cream Sandwich, a última versión dispoñíbel de Android.
Cun procesador Cortex A8 a 1 GHz, 512 MB de RAM e 4 GB de memoria interna (ampliábeis mediante microSD noutros 32 GB extra) a tablet de Wolder tamén está orientada ao uso como ebook, contando cunha biblioteca na que se inclúen máis de 1000 títulos. Dispón de conectividade HDMI, USB e WiFi.
En canto ao seu prezo, podémola atopar por 139 € en cor branco. Vamos, que se estás a mirar para facerte cunha tablet a bo prezo esta podería ser unha alternativa a estudar.