Rumoroloxía Nexus: tablet de Google en xullo e 5 smartphones en novembro. Entra e opina

Como sabedes, rumores e tecnoloxía son amigos íntimos. Xa estamos acostumados a oír falar moito tempo antes do lanzamento dun terminal sobre as súas características, con bailes en cifras en temas como os megapíxeles da cámara ou a potencia do seu procesador.
Non hai moito, The New York Times publicaba unha información que chamou bastante a atención: comentaban que Google estaría preparando o lanzamento de varios Nexus á vez, rompendo a (curta) tradición iniciada co Nexus One de sacar un terminal por ano. Como sabedes, a gama Nexus é a que chamamos pure Google, terminais elaborados por coñecidos fabricantes partners de Google cos que presentan as novas versións de Android.
Segundo parece, podería confirmarse (rumoroloxicamente falando) que Google presentaría até 5 terminais, cada un dun fabricante, para dar un golpe na mesa e dicir á compentencia que Android é variedade, así como tamén para confirmar aos seus partners a confianza mutua, sobre todo tras a compra de Motorola. Estes cinco novos Nexus poderían ver a luz, como non, o 5 de novembro. Por que nesa data? Pois porque coincide co quinto aniversario de Android. Demasiado rebuscado? Pode que si, pode que non.
Doutra banda estaría a Nexus Tablet, ese dispositivo do que tamén se está a falar bastante nos últimos meses. Trataríase dun terminal de referencia Google (de aí o de Nexus) no sector da tablets. Se se confirmaran os rumores sobre as súas características, sería un dispositivo cuns prezos axustados, para o cal prescindiría de cousas como o GPS ou a cámara traseira, que apenas teñen uso neste tipo de dispositivos. O fabricante sería Asus e daríase a coñecer no I/O 2012, estando dispoñibel para a súa venda xa no mes de xullo.
Que vos parecen estes rumores? Credes que son fundados? Védelo posíbel? Gustaríanos saber a vosa opinión

Sobre o autor

Reply