Xperia Tipo e Xperia Miro: os dous novos móbiles de Sony para o outono

Sony continúa coa súa teima de ofrecer un terminal pensado para cada usuario, polo que vén de dar a coñecer dous novos membros da familia Xperia. Falamos do Xperia Miro e o Xperia Tipo, dispositivos de gama media, pero cunhas características máis ca recomendábeis.
O Xperia Miro ten como obxetivo un público xuvenil enganchado ás redes sociais, xa que ten unha integración especial con Facebook. Ademais, dispón dun panel retroiluminado con diferentes cores para as notificacións.
A súa pantalla é de 3,5 polgadas e dispón de audio xLOUD, unha tecnoloxía de Sony que ofrece son con maior nitidez. Dispón de dobre cámara, a traseira de 5 megapíxeles, e unha batería que aseguran ofrece unha autonomía de 24 horas de funcionamento. 
Estará dispoñíbel en catro cores: negro, negro/rosa, branco e branco/dourado.
Pola súa banda, o Xperia Tipo considérase un terminal de iniciación, é dicir, pensado para usuarios que se queren iniciar cun dispositivo básico no mundo dos smartphones.
Conta con Ice Cream Sandwich como versión do sistema operativo, cámara de 3,2 megapíxeles e pantalla de 3,2 polgadas. A súa batería é de 1500 mAh (unha vez máis, con usabilidade “garantida” de 24 horas) e estará dispoñíbel en vermello, branco, azul e negro.
Ademais, o Xperia Tipo ofrecerase en versión Dual SIM, podendo elixir en cada momento (que non simultaneamente), que tarxeta empregar.
Malia que non se adiantaron os prezos, todo fai indicar que rondarán os 200 €. Estarán dispoñíbeis no noso país durante o último trimestre do ano.

Sobre o autor

Reply