Hai un ano coñecemos Google+, a rede social coa que Google quere facerse un oco neste mundo, pero que malia as altas cifras de usuarios (en parte porque agora é case-que-obrigatoria ao abrir conta de Google) non acaba de despegar.
En maio vimos como a aplicación recibía un gran lavado de cara, que mellorou moito a experiencia de usuario. Agora chega, por fin, unha versión adaptada a tablets Android, un sector no que o sistema operativo de Google está aínda nacendo.
Esta nova versión, como poderedes ver, mellora a visualización, establece un chamado “modo salón” para as hangouts e inclúe maior definición nas imaxes. Está dispoñíbel para versións 3.0 e superior.
Pero ademais tamén se engade unha nova funcionalidade, os Eventos:
A estas alturas non temos que explicar a ningún usuario de redes sociais que é un evento, aínda que no caso dos de Google+ teñen certas cousas que os fan únicos. Vexamos un vídeo introdutorio:
Antes do evento poderemos enviar os convites aos nosos contactos ou círculos, puidendo ter temas personalizados, gravar un vídeo para facer máis persoal o convite ou engadir animacións. Estes ademais pódense sincronizar con Google Calendar, para que non nos perdamos nada.
Durante o propio evento poderemos subir fotos ou vídeos do mesmo. Se estamos nun evento no que non coñecemos a todo o mundo e hai quen sube fotos, poderemos visitar o evento en temor real para ver as imaxes, sen ter que agregar a esa xente. É o que chaman “modo Fiesta” no noso terminal.
Finalmente, unha vez rematado o evento, poderemos volver á páxina do mesmo para ver as imaxes e outra info que haxa sobre o mesmo, todo nun sitio. Cómodo e áxil.
Desde logo, podemos dicir que Google o está facendo moi ben con Google+, por que non acaba de enganchar á xente?