Google presenta Jelly Beam, a nova versión de Android #io12



A información que faltaba sobre Jelly Bean era a que se desvelou hoxe no Google I/O 2012: as características. Todo o demais, nome e número de versión (4.1), xa se coñecía de antemán debido a numerosas filtracións.



Non se trabta dunha gran actualización, un cambio radical, senón melloras partindo de Ice Cream Sandwich. As principais novidades resumímosvolas a continuación:

  • Velocidade: é algo que se espera de cada nova versión de software, que se complemente totalmente co hardware para ofrecer unha experiencia de usuario rápida e eficaz. Neste sentdio Jelly Bean consegue ir moi fluído, mellorando ademais a resposta multitáctil.
  • Aplicacións e widgets que se adaptan ao espazo dispoñíbel: de seguro que algunha vez, ao mover aplicacións ou poñer un widget vos atopáchedes con que a distribución na pantalla non permitía poñelos por estar colocados de tal xeito que non deixamos espazo libre. Coa intelixencia adquirida en Jelly Bean non teremos ese problema, porque widgets e aplicacións de redistribuirán e adaptarán en tamaño sós.
  • Melloras na cámara: non son moitos cambios, pero si interesantes, como o acceso rápido á galería e a eliminación de imaxes do mesmo xeito que se matan aplicacións en Ice Cream Sandwich: deslizando o dedo.
  • Busca e ditado por voz offline: Xa podíamos facer buscas e ditados de voz, pero agora mellórase ao non precisar de conexión a Internet para que funcione correctamente (si para que faga as buscas en Internet, obviamente). Entre outras melloras, funciona facendo preguntas (Que tempo vai facer en Monforte? Quen é o presidente de Nicaragua?) e responde con imaxes e voz.
  • Google Now: trátase dun novo servizo de busca intelixente, que coñece todo de nós para axudarnos no noso día a día. En función da ubicación, da hora e doutros aspectos ofreceranos uns resultados ou outros. Aprenderá, por exemplo, cales son os equipos que seguimos para ofrecernos os resultados en tempo real sen ter que buscar, ou avisaranos co tempo que estime que nos levará chegar a unha cita que temos localizada no Calendar  e queda algo afastada de onde estemos. Vexamos o seguinte vídeo
  • Máis Android Beam: descubrimos Android Beam co Galaxy Nexus, un sistema que potencia o NFC facilitando as conexións. Agora mellórase sendo máis doado sincronizar dispositivos.
  • Melloras nas notificacións: sen dúbida as notificacións son un dos puntos fortes de Android. Agora, con Jelly Bean reciben máis contido, permitindo por exemplo iniciar unha chamada desde un aviso de chamada perdida, facer “like” en aplicacións sociais, responder con mensaxes predefinidos.. evitando ter que abrir as aplicacións, todo desde a barra.
  • Melloras nas actualizacións de aplicacións: até o de agora descargábase de novo a aplicación completa cando se actualizaba, pero con Jelly Bean simplemente se descargará o que cambie, reducindo o consumo de datos e a carga do terminal.

Pero hai máis: desde hoxe pódese descargar o SDK para que os desenvolvedores poidan traballar sobre el, e xa sabemos que o Galaxy Nexus, Nexus S e Motorola Xoom serán os primeiros dispositivos en actualizarse, vía OTA, a mediados de xullo. A gran incógnita? O que farán o resto de fabricantes, algo que supoñemos irán desvelando nos próximos días

Sobre o autor

Reply