Analizamos o Samsung Galaxy S III

Hoxe temos o pracer de compartir convosco unha nova análise dun terminal, neste caso o tope de gama de Samsung, o Galaxy S III. Un dispositivo que sen lugar a dúbidas está a ser o centro de todas as miradas e é unha referencia no panorama Android.

O mellor é que antes de nada vexades este vídeo que vos preparamos:
Deseño e acabado
No que ten a ver co deseño, o Galaxy S III non incorpora grandes novidades. É dicir, si que hai unha evolución en comparación co seu predecesor, pero lémbranos a outros membros da familia androide de Samsung, como o Galaxy Mini, gardando as distancias.

Pantalla e conexións

Un dos aspectos máis destacados do Galaxy S III é a pantalla, de 4,8 polgadas SuperAMOLED HD. Pode parecer un tamaño excesivo, sen embargo adáptase ben á palma da man e resulta excesivamente cómodo.

Sorprende que non conta con demasiadas conexións físicas, simplemente o microUSB e o jack 3.5 para o audio, aínda que si que ten NFC, que se suma ao paquete de conexións inarámicas obvias (WiFi, WiFi Direct, Bluetooth…).

Sistema operativo e unha nova experiencia software

Obviamente, pola data de saída, o terminal conta con Ice Cream Sandwich, Android 4.0. Sen embargo xa se confirmou a actualización a Jelly Bean para este mesmo ano, seguramente ao longo do terceiro trimestre.

Captura do S-Voice. Probas no vídeo anterior

Se o Galaxy S III non é un terminal que descase no seu momento por traer grandes novidades en canto a deseño ou prestación sobre os seus predecesores, é no software onde si vimos unha evolución, como puidéchedes comprobar no vídeo: configuración de movementos ou S-Voice, entre outros.


Cámara

Menús da cámara (NOTA: o desaxuste é pola captura do vídeo, non se ve así 🙂 )

En Samsung atopámonos que os terminais de gama media contan cunha cámara inferior á de características nominais semellantes doutros fabricantes; sen embargo, na gama alta, como este Galaxy S III, a cámara é bastante boa e consegue uns resultados alucinantes a pouco que xoguemos cos seus parámetros.

Destaca ademais a capacidade de enfoque nos primeiros planos, deixámosvos uns exemplos para que vexades:

Exemplo de panorámica
Detalle de primeiro plano
Imaxe en modo normal

Conclusións

As conclusións ás que podemos chegar sobre este terminal son máis ca positivas. Samsung tomou nota de que os usuarios querían ir máis aló cos seus terminais e aplicouse. Iso si, aínda queda bastante por mellorar nalgúns aspectos, como por exemplo o caso de S-Voice, que é unha ferramenta que pode ser altamente útil pero funciona daquela maneira, como puidéchedes comprobar no vídeo.

En termos xerais podemos dicir que estamos ante o terminal do momento, o dispositivo de referencia Android na gama alta, o cal podemos recomendar para os usuarios máis esixentes.


Aproveitamos para agradecer a Samsung o préstamo deste terminal para facer posíbel a análise que acabáchedes de ler.

Sobre o autor

Reply