Analizamos o Sony Xperia P

Tras ter analizado hai unhas semanas o Xperia S, o terminal tope de gama de Sony, hoxe queremos ofrecervos as nosas impresións sobre o Xperia P, un dispositivo que poderíamos englobar dentro dunha “gama alta básica”, é dicir, non un tope de gama pero si con elevadas prestacións.

Deseño, acabado e conexións

O deseño do Xperia P é moi semellante ao do S: predominan os cortes rectos e os acabados son en plástico duro. En canto a tamaños e peso, as súas dimensións son 122 x 59,5 x 10,5 mm e pesa 120 gramos.
Ao igual ca o seu irmán maior, ten unha liña transparente na parte inferior que separa o terminal como en dúas partes. Malia todo, neste caso a tapa inferior pode cambiarse por outra de diferente cor, o que lle confire un punto extra de personalización

A tapa inferior pode desmontarse e cambiarse por outra doutra cor

Atopámonos unha vez máis cun terminal compacto que non poderemos abrir para, por exemplo, extraer a  batería. Desde un lateral insertamos a SIM, cuxa rendixa está próxima á conexión microHDMI e microUSB, que usaremos para cargar o terminal ou conectalo a un computador. No outro lateral convive o altavoz, o botón de acendido, o de subir e baixar volume e un acceso á camara, moi cómodo para os que anden a sacar fotos con frecuencia co seu smartphone.

A tarxeta SIM introdúcese nun lateral, ao lado de onde están os conectores microUSB e microHDMI

Na traseira do terminal atopámonos a cámara principal e o flash LED, mentres que na frontal temos unha cámara secundaria e un LED de notificacións e na superior o conector de audio jack 3.5.

Aínda que non se ve, dispón de chip NFC, que como xa temos comentado serve para realizar unha chea de operacións de xeito sinxelo, e 16 GB de memoria interna (non ampliábeis), aínda que non todos valen para instalar aplicacións.
Pantalla
A pantalla é un elemento a destacar deste terminal. Está equipada con tecnoloxía White Magic e Mobile BRAVIA; a primeira delas serve para mellorar a calidade en canto a brillos, mentres que a segunda é a encargada de conseguir os mellores resultados en canto a cores. Consegue ademais uns resultados moi bos cando usamos o teléfono en exteriores con incidencia directa do sol.
O seu tamaño é de 4 polgadas, cunha resolución qHD de 540 x 960 píxeles.
Sistema operativo
O terminal conta con Gingerbread (Android 2.3) e en breve vai recibir a actualización a Ice Cream Sandwich (4.0). Sony non confirmou aínda se o actualizará a Jelly Bean (4.1), aínda que todo fai indicar que si, xa que non aparece na lista de descartados.
O sistema operativo aproveita todo o hardware do terminal, conseguindo unha experiencia moi positiva: o terminal móvese moi fluído e sen saltos, mesmo cando se explota a súa multifunción.
Conta cunha capa de personalización de Sony, que mellora a experiencia de usuario nalgunhas cousas e engade algunha que outra funcionalidade sobre Android base.
Cámara

Como comentabamos, o terminal dispón de dúas cámaras, a dianteira unha VGA básica cuns resultados básicos. Sen embargo é na cámara traseira onde nos atopamos coa calidade de imaxe de Sony.

O terminal conta cun botón adicado á cámara

Esta cámara é de 8 megapíxeles e conta con sensor retroiluminado Exmor R Mobile. Os resultados son moi bos en case todas as configuracións, destacando o conseguindo en macro ou o cando empregamos o zoom dixital. Conta tamén con barrido en 3D e outras opcións avanzadas como detección de sorrisos, redución de ollos vermellos ou acceso rápido. Eis dous exemplos, un de lonxe e outro de preto con zoom dixital aplicado

Muíño nas Fragas do Eume
Detalle de preto, aplicando zoom dixital

No que ten a ver cos vídeos, estes grávanse en formato fullHD.

Batería
A batería é de 1305 mAh, que levados á práctica otórgannos unha autonomía de non máis dun día se usamos o terminal con asiduidade ou día e medio cando facemos un uso máis moderado.
Conclusións
Sen lugar a dúbidas, este terminal é unha das opcións máis destacábeis dentro do panorama Android de dispositivos de gama alta accesíbel, é dicir, dos non tope de gama. Unha opción moi a ter en conta para quen disfrute de tomar fotos de calidade e que esixa unha pantalla con cores vivas e nítidas.
Aproveitamos para agradecer a R o préstamo deste dispositivo para facer a análise. A operadora galega comercializa este terminal desde 0 €

Sobre o autor

7 Comments

  1. Anonymous 3 Agosto, 2012 Responder
    • Toninhofj 17 Febreiro, 2013 Responder
    • Iago Varela Martínez 17 Febreiro, 2013 Responder
    • Toninhofj 20 Febreiro, 2013 Responder
  2. dorfun 4 Setembro, 2012 Responder

Reply

Deixa una resposta a dorfun Cancelar a resposta