Samsung presenta oficialmente a Galaxy Note 10.1

Hoxe vivimos unha desas presentacións raras de Samsung, a da Galaxy Note 10.1. Pensaredes que xa temos falado dela hai tempo no noso blogue. É certo. Descubrímola no pasado Mobile World Congress, sen grandes presentacións. Aló había unhas cantas unidades coas que puidemos coquetear e facer algunhas cousas. Mais nada se soubo de tal dispositivo até hai unhas semanas cando se comezou a falar do evento que tivo lugar esta tarde: a re-presentación.

A nova Galaxy Note conta cun tamaño de pantalla superior ao primeiro modelo, 10.1 polgadas, polo que máis ca un tabletphone é unha tablet a secas, aínda que con características novidosas sobre todas as demais tablets que coñecemos e que temos hoxe en día no mercado, ben sexan Android ou o iPad de Apple.

Ademais da multitarefa funcional á que nos ten acostumados Android conta con multitarefa de traballo real, que permite facer 2 cousas á vez e velas en pantalla partida. O seu procesador é un catro núcleos a 1,4 GHz, conta con 2 GB de RAM e sae á venda coa versión Ice Cream Sandwich (4.0), aínda que será actualizábel a Jelly Bean (4.1) este mesmo ano.

Pesa 600 gramos e dispón dunha batería de 7000 mAh, dobre cámara (5 MP e 1,9 MP) e diferentes versións segundo a súa capacidade: 16, 32 e 64 GB (ampliábeis mediante microSD até en 32 GB extra)

S-Pen / S-Note

O S-Pen, o stylus específico que inclúe a Galaxy Note, é outra das ferramentas diferenciadoras deste dispostivo, permitindo interactuar dun xeito máis sinxelo, e complementándose con S-Note, a aplicación asociada a tomar notas que conta con varias plantillas para traballar comodamente: notas, ideas, reunión, revista, diario, receita ou viaxes.

Ademais, S-Note conta con recoñecemento de formas e fórmulas (mesmo debuxando as funcións segundo as escribimos) para unha escritura moito máis precisa.

Para Samsung, este dispositivo destaca pola súa:

  • Produtividade
  • Creatividade
  • Capacidade de aprendizaxe

Photoshop preinstalado e gratuíto

Do software preinstalado por Samsung neste novo dispositivo destaca tamén a inclusión de Adobe Photoshop, a mellor ferramenta de retoque fotográfico, que se inclúe de xeito completamente gratuíto. Ademais, todos os proxectos que se elaboren na Galaxy Note con Photoshop poderán ser transferidos ao computador para seguir traballando máis comodamente.

Dispoñibilidade

Desde mañá mesmo está dispoñíbel nos Estados Unidos; en España haberá que esperar ao 1 de setembro, cun prezo de partida de 529 €, bastante por riba dos 499 $ (406 €) do modelo máis económico nos Estados Unidos.

Sobre o autor

Reply