Galaxy Mini 2 (S6500): probamos o pequeno da saga Galaxy

Malia que a tendencia no mundo dos smartphones é a de ter terminais con superpantallóns, non nos podemos esquecer dese público (maioritario?) que busca un dispositivo máis compacto e cunhas prestacións aceptábeis.
É o caso do Samsung Galaxy Mini 2, a evolución dun dos teléfonos máis vendidos dentro da gama media no noso país.
Deseño, acabado e conexións.
En canto ao deseño non atopamos grandes cambios, consérvanse as formas curvadas e os tamaños difiren nun milímetro. Sen embargo, o Mini 2 dá a sensación de ser máis compacto (malia que a súa pantalla é maior, de 3,3 polgadas fronte aos 3,14 do Mini orixinal). Os acabados gozan dun estilo máis elegante, cun botón central físico e dous táctiles (menú, atrás) que ademais detectan moi ben a presión que se lles exerce.
Evolución: dos botóns fśicos do Mini aos táctiles do Mini 2
En canto a conexións físicas só atopamos a do jack de audio 3.5 e a ranura para a tarxeta microSD (até 32 GB). De botóns, ademais do xa citado botón principal, ten o de acendido e os de volume.
Evolución: Mini vs. Mini 2
Pantalla
Como comentamos antes, a pantalla é de 3,3 polgadas; a calidade é HVGA 320 x 480 píxeles. Comparada co Galaxy Mini orixinario a evolución é moi notoria. Tamén destaca a súa sensibilidade e precisión, algo que se agradece moito nun terminal de pantalla pequena.
Evolución: Mini vs. Mini 2
Sistema operativo
O Galaxy Mini vén con Android 2.3.6 (Gingerbread) e non será actualizábel a versións posteriores. Isto non é malo: trátase dun terminal pensado para un hardware sinxelo e ser comercializado masivamente, polo que meterlle unha versión superior ocasionaría un funcionamento incorrecto do terminal.
Ademais, Samsung incorpóralle unha capa de personalización que destaca por un dock con acceso ás funcións teléfono, axenda, sms e menú; aplicacións propias preinstaladas que dotan (a priori) de máis contido ao terminal e algún que outro widget.
Cámara
A cámara é quizais o elemento que menos evolucionou (continúa a ser de 3 megapíxeles), aínda que si que conta cun par de melloras impostantes sobre o Mini orixinal:
  • Modo panorámico (súmase ao disparo sinxelo, detector de sorrisos ou continuo)
  • Velocidade: a velocidade de toma de imaxes é moi superior ao modelo anterior.
En canto a calidade podemos dicir que é aceptábel. En exteriores obtemos unha resposta notable en diferentes condicións (mesmo con luminosidade en contra), pero en interiores a calidade ten un aprobado básico:
Exteriores con luz en contra
Exteriores
Interiores, detalle

Batería
A batería, de 1300 mAh consegue unha autonomía de máis de día e medio para un uso intensivo, polo que podemos dicir que está por riba da media normal dos smartphones.
Conclusións
Logo de probar este terminal podemos concluír que estamos ante un dispositivo para as masas. Cremos que se trata dun bo terminal de iniciación a Android, que dá bos resultados para a meirande parte do público e traballa cunha fluídez abonda cos seus 800 MHz cos que conta o procesador. Sen embargo, aquelas persoas que buscan un terminal potente, ben porque sexan heavy users dos smartphones, xogóns ou queiran unha cámara de gran calidade quedarían escasos e deberían pensar nun terminal superior.
Aproveitamos para agradecer a R o préstamo deste terminal para facer a análise. O Galaxy Mini 2 atópase no catálogo da operadora galega desde 0 €, este mes en promoción.

Sobre o autor

Reply