Cando no Mobile World Congress deste ano HTC presentou os 3 terminais da serie One sabíamos que darían que falar. A familia composta polo One S, One X e One V supuñan unha aposta seria pola imaxe e o son, con novidades nunca vistas até esa data en terminais móbiles.
O One S que analizamos nesta entrada é o irmán pequeno do One X, é dicir, algo menos potente pero á vez máis asequíbel. Malia todo conta cun procesador de dobre núcleo a 1,5 Ghz, 1 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, non ampliábeis mediante microSD, aínda que HTC regala 25 GB en Dropbox durante 2 anos.
Deseño, acabado e conexións
O primeiro que chama a atención do terminal é a súa forma e o compacto que é. Todas as liñas están suavizadas polo que resulta altamente confortábel na man. Na parte frontal, onde temos a pantalla superAMOLED de 4,3 polgadas, destaca a ausencia total de botóns físicos e só rompe un pouco a estética a presenza da cámara frontal na parte superior.
Nun dos laterais temos a entrada microUSB para cargar ou transferir datos e no outro os botóns de volume. Na cara superior está o botón de acendido e a conexión de audio (jack 3.5 mm) e na traseira a cámara e o flash LED.
Cabe sinalar que o terminal non ten a capa traseira extraíbel, polo que non poderemos desmontar a batería. A parte superior extraíbel ten o espazo para insertar a microSIM e hai que ter un pouco de ollo para recolocala, porque parece doada de romper.
Pantalla
Como xa comentamos, o One S dispón de pantalla de 4,3 polgadas e tecnoloxía SuperAMOLED con Gorilla Glass, que evita raiaduras. A resolución é de 540 x 960 e consegue unhas cores moi vivas. No seu uso destaca a boa xestión do brillo automático, que consegue boa visibilidade en condicións complicadas, como cando andamos ao aire libre con influencia directa do sol.
Sistema operativo
Dispón de Android 4.0.4 (Ice Cream Sandwich) coa capa de HTC (Sense 4.1), que como é habitual achega novas funcionalidades, ademais de mudar a estética de menús e widgets. Está prevista a actualización a Jelly Bean (4.1) para este mesmo ano.
Cámara
A cámara principal que trae o HTC One é de 8 megapíxeles, con enfoque automático e flash LED. Tamén dispón de sensor BSI, obxetivo de 28 mm e apertura de f 2.0. Con ela se conseguen bastantes bos resultados, como podedes ver nas imaxes que vos deixamos.
A gravación de vídeo é en HD a 1080 e permite tomar instantáneas á vez que se grava, polo que xa podemos romper o dilema “gravo vídeo ou saco foto?”. Na outra man da balanza está a cámara frontal, unha VGA coa que se conseguen uns resultados máis ben mediocres.
Son
Resultounos tremendamente relevante a inclusión de Beats Audio, un sistema que mellora sensibelmente a calidade do son e que se apreza sobre todo ao empregar uns bos cascos. De calquera xeito, cuns cascos normais nótase para mellor a calidade do HTC con Beats Audio sobre outros terminais doutras marcas.
Batería
A batería é de 1650 mAh, quizais algo xusta, sobre todo tendo en conta que non se lle pode sacar para ter unha segunda batería que poder intercambiar. Cun uso intensivo aguanta o día.
Conclusións
Pódese concluír que o HTC é un gran teléfono que nos dá uns resultados magníficos, un “gama alta básico” que recomendamos sen ningunha dúbida.
Poderíamos dicir que o usuario potencial deste terminal é aquel que quere un bo teléfono, non un dispositivo de entrada, pero que tampouco quere o tope de gama; digamos un usuario medio avanzado.