O novo de LG non deixa indiferente a ninguén, pois vén de presentar un dos dispositivos máis potentes que temos no mercado e outro que acrecenta a gama media, ademais de deixar ver o seu novo “tabletphone”.
Así, o novo Optimus G conta cunha pantalla de 4,7 polgadas e resolución de 1280 x 768 píxeles e tecnoloxía True HD IPS+, que mellora o consumo de enerxía. Pero quizais é nas súas entrañas onde vemos a enxeñaría de LG, integrando un procesador de catro núcleos a 1,5 GHz, 32 GB de memoria interna, 2 GB de RAM e batería de 2100 mAh. A súa cámara principal chega aos 13 megapíxeles e sairá á venda (non sabemos cando) con ICS actualizábel a Jelly Bean.
No que ten a ver coa gama media, xa coñeciamos aos L3, L5 e L7. Agora o fabricante coreano vén de descubir o Optimus L9, un terminal que conta cun procesador dual core a 1 GHz e 4,7 polgadas de pantalla HD-IPS LCD con 768 x 1280 píxeles de resolución. A súa memoria interna é algo escasa, de 4 GB, aínda que ampliábel mendiante microSD noutros 32 GB. En canto á RAM, esta é de 1 GB. A cámara chega até os 5 megapíxeles e a batería aos 2150 mAh, unha capacidade superior á que estamos acustumados neste tipo de terminais.
Chegará primeiramente a Corea, onde xa se poderá mercar no mes de setembro, saíndo ao mercado con Ice Cream Sandwich actualizábel a Jelly Bean.
Finalmente, o Optimus Vu II deixouse ver por Corea e destaca pola súa pantalla de 5 polgadas e o seu procesador de catro núcleos a 1,3 GHz. A memoria interna é de 32 GB e dispón de dobre cámara (8MP a principal, 1,3 a frontal). Ao igual que os outros dous, sairá ao mercado con ICS actualizábel a JB.