Sony, ao igual ca outros fabricantes como Samsung, basean a súa aposta en dispór dun gran portfolio de terminais que ofrecer aos seus clientes. Quizais por iso, malia ter dado a coñecer no pasado Mobile World Congress 3 novos dispositivos (S, P e U), durante a IFA achegaron outros 3 terminais: o Xperia T, V e J, ademais dunha tablet, Tablet S.
O Xperia T vén a convírtese no novo buque insignia de Sony, dotándose da mellor pantalla HD e da mellor cámara que ten elaborado o fabricante até a data.
A súa pantalla é de 4,6 polgadas, con Mobile BRAVIA, tecnoloxía que mellora a nitidez e claridade da imaxe. O seu procesador é de dobre núcleo a 1,5 GHZ e conta con dobre cámara, a principal de 13 megapíxeles.
Pola súa banda, o Xperia V inclúe algunhas das características destacábeis do T, aínda que con conectividade LTE (4G) e resistencia á auga.
A cámara de 13 megapíxeles e o procesdor de dobre núcleo a 1,5 GHz son dúas das caracterísitcas que comparte co Xperia T, aínda que neste caso a súa pantalla pasa a a ser de 4,3 polgadas, mais conservando o Mobile Bravia.
Finalmente, o Xperia J está pensado para o público que busca un teminal de prezo asequíbel pero que non quere renunciar a dispór de pantalla grande.
Así, o Xperia J dispón de pantalla de 4 polgadas e tecnoloxía FWVGA, cámara de 5 megapíxeles e un deseño estilizado de 9,2 mm de grosor.
Todos eles sairán ao mercado con Ice Cream Sandwich (4.0.4), aínda que serán actualizábeis a Jelly Bean unha vez lanzados comercialmente. Como curiosidade, dicir que o Xperia T é o terminal que aparecerá no próximo filme de James Bond, Skyfall.
En canto a dispoñibilidades, o Xperia T será lanzado globalmente en cuestión de semanas, mentres que o Xperia V e o Xperia J chegarán ao longo do cuarto trimestre.
No que ten a ver coa Tablet S, esta está orientada a un público que se introduce no mundo tablet. Conta cunha pantalla de 9,4 polgadas, procesador de catro núcleos NVIDIA Tegra 3 e Android 4.0.4. Ademais contará cun amplo abando de accesorios para sacarlle máis partido. A conectividade será unicamente WiFi.